Friday 22 de November de 2024

A United States Lighthouse Society cualifica ao Faro Vilán como “o máis magnífico” do seu percorrido


· Foron 23 os socios e socias da entidade que participaron na visita, na que subiron ao cumio da torre e coñeceron a súa historia, a de Camariñas e a da Costa da Morte.

· “Estou segura de que acabades de descubrir que a contorna na que se atopa o Faro Vilán o convirte en único e incomparable”, destacou Sandra Insua, que subía por segunda vez á torre.

A asociación de amigos dos faros considerada como a máis grande e coñecida dos Estados Unidos, a United States Lighthouse Society, puido coñecer e visitar hoxe, martes 26 de setembro, o Faro Vilán de Camariñas, ao que cualificou como “o máis magnífico” do seu percorrido pola costa Cantábrica, no que visitaron 37 faros.

Foron 23 socios e socias desta entidade, con idades que oscilan entre os 61 e os 91 anos, os que participaron na expedición. Divididos en dous grupos, subiron á torre e, na sala de exposicións, puideron desfrutar dunha presentación sobre o faro, a historia do HMS Serpent e o Cemiterio dos Ingleses e tamén dunha visita ao museo.

A sensación xeral entre os participantes era de asombro e sorpresa ante a paisaxe que presenciaron e as explicacións que recibiron sobre a historia do faro, de Camariñas e da Costa da Morte en xeral. Segundo o vicepresidente da entidade, Henry I. González, foi “o faro máis magnífico” do seu percorrido pola Costa Cantábrico e “de todos os que visitaron, co que un fareiro se identifica máis, pola torre, pola historia e polo emprazamento”.

Dentro do grupo coñecéronse historias curiosas, como a de Darlene Chisholm, de 77 anos, que visitou co seu marido, falecido antes da viaxe, un total de 4.400 sinais marítimas de todo o mundo, desde o ano 1969. El foi o que lle dixo que fóra forte e non faltara a esta viaxe pola costa Cantábrica.

Tras a visita tivo lugar a recepción institucional, por parte da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes, o xefe de división de mantemento da Autoridade Portuaria da Coruña, Jorge González Martínez, e a presidenta da Asociación de Empresarios e Sector Turístico de Camariñas, Olga Campos.

Sandra Insua salientou que “é unha honra e un privilexio darvos a benvida a Camariñas” e destacou que “estou segura de que acabades de descubrir que a contorna na que se atopa o Faro Vilán o converte nun lugar e nun faro verdadeiramente único e incomparable”. “Desde o seu cumio tivéchedes o privilexio de desfrutar de vistas que moi poucos poden experimentar, un regalo da natureza que nos rodea”, engadiu, explicando que era a segunda vez que ela subía á torre e a primeira que o facían as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes.

“Deséxovos unha boa fin de viaxe en Fisterra e agardo que teñades a oportunidade de regresar a Camariñas no futuro, para explorar, con máis tempo, a nosa terra, desfrutar da nosa exquisita gastronomía e coñecer a calidez e hospitalidade das nosas xentes. Ademais, invítovos a considerar unha visita durante a Semana Santa, cando a nosa localidade se transforma nun lugar de tradición e cultura, participando na Mostra do Encaixe”, rematou.

Pola súa parte, Olga Campos amosouse “encantada de que o faro se promocione a nivel internacional” e “agradecida en todos os sentidos, á asociación por escollernos dentro da súa viaxe, ao concello porque se involucrase, á Autoridade Portuaria porque permitiu o acceso e ao persoal que traballou e colaborou para que todo saíse ben”.

A asociación

A United States Lighthouse Society é a asociación de amigos dos faros máis grande e coñecida dos EEUU. É unha asociación sen finalidade de lucro creada en 1984, con preto de tres mil socios, a gran maioría nos Estados Unidos.

Os obxectivos da organización son a formación dos socios, e do público en xeral, así como da importancia histórica dos faros e os fareiros e tamén a colaboración na conservación destas edificacións históricas. Unha das súas actividades periódicas son as viaxes por EEUU e o resto do mundo visitando faros e aprendendo dos retos que teñen nos distintos lugares, ofrecendo axuda e coñecemento sobre conservación ás entidades e persoas encargadas.