Cuestionan que na proposta remitida polo bipartito “sen diálogo” se propuxera a creación dun Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia que se xestionara desde a Xunta, “algo que non respondería aos intereses de Compostela”
A taxa turística volverá ao debate político no próximo pleno deste xoves ao que os socialistas levarán unha proposición para que a taxa turística sexa xestionada desde o Concello. Segundo explica o concelleiro Sindo Guinarte, o obxectivo da taxa debera ser “que repercutise na veciñanza de Santiago” contribuíndo a sufragar o sobrecusto do turismo en Compostela, “algo ao que non atende a proposta que o BNG remitiu á Xunta”.
Segundo explica o edil socialista, nesa proposta remitida ao presidente autonómico fálase da creación dun Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia que xestionaría a Xunta de Galicia e ao que iría todo o recadado con esta taxa, de Santiago e doutras cidades. Critica Guinarte que isto sexa así, e defende o modelo da cesión do imposto para que cada municipio xestione a súa aplicación e o seu fin.
“Defendemos que o imposto aos turistas repercuta nas veciñas e veciños de Compostela, a través de programas de axudas á rehabilitación ou de dinamización cultural, e para iso os fondos teñen que ser xestionados polo Concello” explica Sindo Guinarte que critica ademais as formas do bipartito ao presentar unha proposta á Xunta de forma unilateral “sen maior consulta que a Asamblea do BNG”.
Guinarte, partidario da implantación da taxa, lembra que foi no goberno socialista no que se solicitou a elaboración do informe que agora sostén a proposta do imposto e insiste en que a súa utilidade debera ser “compensar o sobrecusto en materia de servizos ou seguridade” que implica a presión turística na cidade para “abordar unha maior sustentabilidade do sector en Santiago” entendendo que o imposto terá tamén un efecto social “ao contribuír o turista tamén ao mantemento da cidade”.