Friday 22 de November de 2024

Tostas, empanada e solomillo, protagonistas do concurso “De tapas por Frades” que comeza na noite de mañá venres


Os clientes terán este venres, sábado e domingo para elixir a mellor tapa do municipio entre os oito locais participantes

As tostas, a empanada e o solomillo son os principais ingredientes utilizados polos oito locais hostaleiros de Frades que participarán no concurso “De Tapas por Frades”, que abre as súas portas mañá venres de 20:00 a 22:30 horas. Un concurso organizado polo Concello de Frades e que terá lugar os días 4, 5 e 6 de decembro.

Os oito locais hostaleiros xa teñen todo listo para atender a centos de clientes, que cos seus votos decidirán a mellor tapa do municipio. Aínda que anuncian algunha que outra sorpresa, entre as tapas que se poderán degustar esta fin de semana en Frades haberá empanadas de zamburiñas e de polbo, tostas campera e galega, revolto de chourizo e solomillo con dúas elaboracións: recheo de queixo do país ou con salsa demiglace. Algúns locais optarán por tapas tradicionais (como a tortilla, os callos ou os ovos recheos), mentres que outros elixiron pratos máis novidosos (barquita de marisco e rape ou salmón marinado con boletus).

Premios

Os clientes que tomen parte no concurso “De tapas por Frades” participarán no sorteo de dous premios: unha cena para dúas persoas nun restaurante do municipio e un circuíto termal para dúas persoas. Para iso deberán selar uns pasaportes, que atoparán nos propios locais hostaleiros, en cando menos 5 dos participantes, votando polo local coa tapa que máis lle gustou. Os votos serán recollidos nunhas urnas situadas en cada un dos locais participantes.

Pola súa banda, os restauradores competirán por dous premios de 300 e 150 euros. Os locais participantes Casa Vella (Abellá) e Café Bar “Xiada”, taberna “O noso mesón”, hostal-restaurante “O Cadaval”, raxería “Al Alba”, Taberna “O Mesón”, adega “A Coviña” e café-bar “Vilariño”, todos eles en Ponte Carreira. Os horarios de degustación serán o venres 4 de decembro (de 20:00 a 22:30 horas), o sábado 5 de decembro (de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas) e o domingo 6 de decembro (de 12:00 a 15:00 horas).