O programa socioeducativo Aníma-te busca crear na Casa da Mocidade da Pobra do Caramiñal, situada no Lagar, un espazo no que a xente nova poida crear comunidade ao tempo que se continúa coa dinamización desta instalación municipal.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, xunto co seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido, explica que se trata dunha iniciativa de ocio alternativo dirixida a rapazada a partir de 12 anos para que así “se volvan recuperar as relacións sociais que, por diversas cuestións, se van perdendo” e que irá evolucionando en función das súas necesidades.
Este proxecto piloto executarase de outubro a decembro e, de acadar boa aceptación, ampliarase ao vindeiro ano. Será nos venres, de 18.00 a 21.00 horas. Durante esta época realizaranse diversas actividades xestionadas pola educadora social, Alba Pérez; unha axenda flexible que incluirá as propostas da mocidade participante. Tamén se atenderá a demanda de adquisición de recursos materiais que consideren necesarios para pasar tempo de lecer no edificio e que se converta en punto de encontro.
Existe un límite de 15 prazas. As inscricións deberán efectuarse semanalmente, polo que se poñen á súa disposición tres canles: o IES pobrense, o Departamento dos Servizos Sociais e a sede electrónica.