O prezo das entradas vai de 12 a 18 euros con descontos do 25% para familias numerosas e do 20% con carné xove, persoas desempregadas e maiores de 65
Pódense comprar en liña na web ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense
O Concello da Coruña vén de poñer á venda as entradas para ‘Aquí tou!’, o novo monólogo de Xosé A. Touriñán no que fai un percorrido pola súa vida, dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. O humorista repasa os momentos chave do seu camiño vital mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega coas que busca que o público galego se sinta identificado.
O espectáculo, que terá lugar o 14 de outubro no Teatro Colón ás 20.00 horas, enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey para a dinamización do Teatro Colón como espazo cultural coa programación de compañias e artistas locais ou da comunidade galega. Esta nova cita de Xosé A. Touriñán súmase á xa anunciada do espectáculo ‘Corentena’, con David Perdomo, que chegará ao Teatro Colón os días 8 e 9 de decembro. Nela, os dous cómicos levan aos escenarios o formato que idearon no primeiro ano da crise sanitaria da Covid-19, cando crearon directos humorísticos a través de Instagram para animar o público durante o confinamento.
O prezo das entradas para o monólogo ‘Aquí Tou!’ vai dende os 12 euros aos 18 euros con descontos do 25% para familias numerosas e do 20% para carné xove, persoas desempregadas e maiores de 65. Pódense comprar en liña na web ataquilla.gal ou no despacho de billetes da praza de Ourense, de luns a venres de 11.00 a 15.00 h e de 16.30 a 19.30 h.