Da man de Andaina Pro Saúde Mental a casa da cultura acolleu a representación da obra teatral ‘Romeo e Xulieta’
O Concello de Ordes celebrou o Día Internacional da Discapacidade con teatro e rodeado dos alumnas e alumnas dos institutos Número 1 e Maruxa Mallo. Baixo o lema ‘Atrévete a coñecerme’ este ano o Concello centrouse especialmente nos adolescentes e estudantes para conciencialos e informarlles dos dereitos, capacidades e aptitudes das persoas que presentan algún tipo de discapacidade. Cuestións que se abordan tanto nas charlas que se están a realizar nos centros académicos como no manifesto asinado pola concellería de Diversidade Funcional.
Así, o auditorio da casa da cultura quedou pequeno para acoller a todos os asistentes que non quixeron perder a representación teatral de ‘Romeo e Xulieta’, a cargo dos usuarios e usuarias de Andaina Pro Saúde Mental. Unha adaptación realizada a cargo do actor e dramaturgo Francisco Rey, e que levantou a todas e todos dos seus asentos tras o seu remate. Entre eles o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, que acudiu acompañado das concelleiras Ana Soneira e Susana Gómez, esta última responsable da área de Diversidade Funcional.
Por outra banda tamén destacou o traballo dos mozos e mozas do curso de habilidades sociais que se desenvolve no Mesón do Vento, que se encargaron de realizar o escenario da representación teatral, así como os agasallos conmemorativos que se lles entregaron aos representantes institucionais e aos centros académicos do municipio.
Tal e como se informou na apertura do acto no Concello de Ordes (13.000 habitantes) rexistráronse 130 persoas con esquizofrenia e 65 casos de trastornos bipolares. Ademais estipúlase que un total de 3.250 persoas padecerán algún tipo de trastorno mental ao longo da súa vida. Se extrapolamos estas cifras á Mancomunidade de Ordes (39.000 habitantes) habería que falar de 390 casos de esquizofrenia, 195 bipolaridades e 9.750 persoas con algún trastorno ao longo da súa vida.