Saturday 23 de November de 2024

A Xunta promove a praticipación xuvenil a través do programa Iniciativa Xove


Permite ofrecer o apoio económico necesario a asociacións ou grupos xuvenís para poñer en marcha proxectos e iniciativas en distintos sectores

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá ao IX Foro de Scouters promovido por ASDE Scouts de Galicia e celebrado na cidade da Coruña. Durante o evento lembrou que esta entidade é unha das beneficiadas dentro do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, que procura fomentar proxectos emprendedores protagonizados pola xuventude.

O Goberno galego ofrece mediante este programa financiamento para que asociacións e grupos xuvenís poñan en marcha proxectos en distintos sectores. Destínase a este fin 400.000 euros e cada entidade pode optar a unha axuda de ata 5.000 euros. A directora xeral destacou que mediante a Iniciativa Xove, procúrase darlle á mocidade o apoio económico necesario para facer realidade os seus proxectos e iniciativas.

Este foro ten como cometido agrupar ao conxunto de scouters de ASDE-Scouts de toda Galicia para planificar as súas actividades e proxectos anuais. Desenvólvese ao longo da fin de semana e consta de mesas de traballo e reunións para postas en común co obxectivo de procurar novas propostas e ámbitos de actuación.

Liga Xunta de Galicia e Break 2023

Posteriormente, Cristina Pichel asistiu á Liga Xunta de Galicia de Break 2023, que celebra este sábado a súa sétima xornada na cidade da Coruña. Este programa consiste nun circuíto de competicións composto por un total de 10 eventos espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, procúrase fomentar esta modalidade de deporte que debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024.