― Destacou o compromiso da Xunta co mantemento destas agrupacións, nas que leva investidos 23 M€ nos últimos anos en apoio ao seu funcionamento, a dotación de equipamento e a formación
― O titular do Goberno galego felicitou ao colectivo de voluntarias e voluntarios do concello da Coruña, que este ano conmemora o seu 40 aniversario
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá o labor altruísta que levan a cabo as agrupacións de protección civil da comunidade apoiando aos servizos de emerxencias, tanto en tarefas de prevención como nas intervencións. “Temos unha protección civil en Galicia da que sentirse orgullosos e isto é, en primeiro lugar, polos miles de voluntarios que a conforman algo que é de agradecer e imprescindible”, asegurou, ao tempo que destacou a colaboración entre diferentes administracións que fixo posible que Galicia conte cunha rede de magníficos servizos profesionais de emerxencia.
Rueda referiuse así durante a celebración do V Encontro de Agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña, no que tamén participou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e onde o titular do Goberno galego manifestou o orgullo que supón contar en Galicia con máis de 200 agrupacións deste tipo. “Debemos seguir sendo moi conscientes de que a inmensa maioría dos que estades aquí sodes voluntarios e estades dedicando o voso tempo a algo tan bonito e importante”, indicou aos presentes.
Neste sentido, o titular do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos. De feito, só nas agrupacións de voluntarios de Protección Civil, o Goberno galego leva investidos máis de 23 millóns de euros nos últimos anos. En concreto, máis de 14 millóns en equipamento -incluíndo a contía deste ano-, 4 millóns en gastos de funcionamento e 5 millóns de euros na formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da formación dos efectivos deste colectivo e doutros servizos de emerxencias da comunidade.
“O noso compromiso é seguir escoitando para saber o que necesitades realmente e poder acompañarvos e recoñecervos, e seguir co tema da formación, que creo que é fundamental”, asegurou.
Alfonso Rueda destacou o interese desta xornada ao servir de punto de encontro para poñer experiencias en común e contribuír a mellorar a capacidade de prevención e a reducir os tempos de resposta ante calquera risco ou emerxencia. “sempre hai moi boa colaboración con outras comunidades e sempre nos din o mesmo: o nivel que ten a protección civil en Galicia é fantástico”
Ademais, o presidente da Xunta quixo agradecer de xeito significativo o labor desempeñado pola agrupación de voluntarias e voluntarios de protección civil do concello da Coruña, xa que este ano conmemoran o seu 40 aniversario.