Desde esta semana estanse a levar a cabo os traballos preliminares de demolición e picado da beirarrúa, necesarios para remodelar e ampliar os espazos peonís lindeiros aos bloques residenciais
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, comezou esta semana as obras de reurbanización dos espazos públicos na contorna da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana (ARRU) do Ventorrillo – Casas de Franco, un sector de algo máis de dúas hectáreas composto por máis de 570 vivendas sociais situadas entre a rolda de Outeiro e as rúas Mosteiro de Bergondo, Mosteiro de Toxos Outos e Mosteiro de Caaveiro.
O proxecto de reurbanización recibiu a autorización da Xunta de Goberno de Local a comezos de decembro de 2022, sendo licitado, xa posteriormente, en abril deste ano. A continuación, no pasado mes de xullo e como paso previo ao inicio dos traballos, encomendáronse os mesmos á empresa Prace Servizos e Obras.
A intervención, dotada con 470.000 euros de orzamento, está centrada no sector leste da ARRU, no treito lindeiro coa rolda de Outeiro, onde se levarán a cabo diversas actuacións de mellora nos espazos públicos próximos ás vivendas: nos accesos ás mesmas, pero tamén no firme, que se renovará. Está previsto incrementar, ademais, a superficie destinada aos peóns e tamén as áreas verdes na contorna.
Neste sentido, desde esta semana estanse a levar a cabo os traballos preliminares de demolición e picado sobre a beirarrúa, necesarios para remodelar e ampliar os espazos peonís lindeiros aos bloques residenciais.
O plan para reurbanizar os espazos públicos que bordean os bloques residenciais das Casas de Franco tamén inclúe, con vistas a fases posteriores, a remodelación das rúas interiores do ámbito para acometer melloras de accesibilidade aos portais dos edificios de vivendas.