O orzamento alcanza os 250.000 euros e financiarase co apoio da Xunta de Galicia.
O Concello reiniciou hoxe o procedemento de contratación da execución do proxecto de ampliación do punto limpo coa publicación do expediente na Plataforma de Contratación del Sector Público. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 13 de outubro para presentar as súas ofertas. Na primeira licitación, que concluíu en agosto, o concurso quedara deserto.
Con esta iniciativa o Concello pretende mellorar as instalacións do punto limpo e incrementar e optimizar os servizos que alí se ofrecen á cidadanía. A intervención contempla a urbanización dun sector da parcela contigua para a creación dun novo espazo con acceso pola entrada principal que complemente ao xa dispoñible no momento actual. Así, facilitarase ao persoal o desenvolvemento das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.
No novo espazo está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para incrementar a cantidade de contedores dos diferentes tipos de residuos, zona de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas.
Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.
Tendo en conta que os usuarios que se achegan ata o punto limpo poden facelo tanto a pé como en vehículo, o deseño e ordenación dos novos espazos disporá das dimensións, sinalización e organización axeitada para o tránsito peonil e rodado con garantía de seguridade.
O proxecto está valorado en preto de 250.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.