O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de comunicarlle ao Concello a concesión dunha subvención de case dous millóns de euros para o proxecto COMMARKET Santiago, co que a concellería de Promoción Económica pretende dinamizar a oferta comercial de Compostela e mellorar a Praza de Abastos. A concelleira María Rozas deu conta hoxe das actuacións incluídas neste programa, que se desenvolverá ata mediados de 2024 e para o que o Concello achegará medio millón de euros de fondos propios. Fíxoo acompañada por Lucía Castro, responsable técnica do departamento de Comercio.
A concelleira de Promoción Económica explicou que o proxecto tén como obxectivo “dinamizar, modernizar e fortalecer o tecido comercial de Santiago, que se enfronta a importantes retos como a escasa adaptación tecnolóxica e dixital, ou a falta de relevo xeracional”. María Rozas salientou que “os establecementos comerciais tamén contribúen a fixar poboación, unha cuestión que entendemos que é fundamental, sobre todo na contorna da zona histórica”. Nese sentido, Rozas valorou especialmente as accións previstas na Praza de Abastos, “que sen dúbida contribuirán a preservar o seu obxectivo último, que é o de ser mercado e non unicamente un lugar turístico máis”.
Modernización da Praza de Abastos
Boa parte das accións de COMMARKET Santiago aféctanlle á Praza de Abastos. Unha das actuacións incluídas no proxecto é a reforma do mercado que xa está en fase de licitación, e que permitirá remodelar as marquesiñas, renovar as portas corredeiras ou mellorar os baños. María Rozas explicou que esta obra será financiada co medio millón de euros de fondos propios que tén que achegar o Concello para a concesión da subvención.
Ademais, no marco do COMMARKET Santiago vanse renovar as luminarias da Praza de Abastos, que presentan un estado moi deficiente e que son pouco sostibles; e instalarase a rede wifi do mercado.
Marketplace e armarios refrixerados
A Praza de Abastos tamén será unha das beneficiarias do Marketplace que se porá en marcha grazas á subvención concedida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Trátase dunha gran plataforma en liña na que os comerciantes poderán vender os seus produtos e servizos, “de maneira que os vendedores accederán a unha clientela máis ampla e diversa, e os compradores terán ao seu alcance unha maior variedade de produtos locais”. De feito, no proxecto prevese a incorporación das “paisanas” da Praza de Abastos neste modelo, para que tamén elas poidan realizar vendas on line.
A entrega dos productos adquiridos a través do marketplace faráse ben a domicilio mediante repartidores, ou ben en puntos de recollida que estarán localizados en diferentes lugares da cidade. Por iso o proxecto COMMARKET prevé a instalación de armarios refrixerados nos que os clientes poderán recoller a súa compra de produtos frescos da Praza de Abastos sen ter que desprazarse ata o mercado, e garantindo a correcta conservación dos alimentos. Para seguir a trazabilidade dos produtos, haberá unhas etiquietas dixitais que tamén facilita o control do stock e a actualización de prezos para a venda online.
Transformación dixital e promoción
A transformación dixital do comercio é un dos obxectivos principais do proxecto COMMARKET Santiago, e nesa liña unha das accións máis ambiciosas é a creación da Oficina de apoio e transformación dixital “+ComercioSCQ”. Desde ela, profesionais especializados no sector TIC prestaránlle asesoramento personalizado aos comercios que o desexen, ao redor de cuestións como a atención ao cliente, o marketing en liña, a comunicación ou o financiamento. Ademais, prevese impulsar procesos de formación para traballadores e autónomos do sector comercio, co obxectivo de mellorar as súas habilidades dixitais para, ao tempo, mellorar a xestión dos seus negocios.
En canto á promoción do sector comercial, no COMMARKET Santiago contemplánse diferentes accións como o programa “O comercio sabe do que fala”, que prevé a gravación de pequenos vídeos protagonizados polos propios comerciantes, dándolle continuidade aos “videoconsellos” que xa se puxeron en marcha en anos anteriores.
Dieta atlántica
As últimas accións incorporadas ao programa COMMARKET Santiago teñen como obxectivo fomentar unha alimentación saúdable baseada na dieta atlántica. Con ese obxectivo poráse en marcha unha APP que permitirá crear meús semanais ou quincenais personalizados con produtos de tempada. Esta aplicación, que tamén facilitará un receitario propio, podería estar conectada á Marketplace, de modo que a persoa usuaria poida facer directamente a compra dos produtos que precisa para a elaboración dos seus menús e recollelos ben na Praza de Abastos ou ben nos armarios refrixerados.
Por último, vaise impulsar o selo “Dieta Atlántica”, que lle será entregado aos establecementos hostaleiros que se se nutren de alimentos da Praza de Abastos para elaborar menús acordes coa dieta atlántica.
COMMARKET Santiago é o proxecto que o Concello presentou, xa no pasado mes de abril, á convocatoria da liña de axudas para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canais cortos de comercialización, financiadas con fondos europeos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O conxunto das accións previstas teñen un orzamento de case 2,5 millóns de euros, dos que dous millóns de euros corresponden á subvención concedida, e o resto serán achegas municipais con fondos propios. O prazo para a execución destas accións finaliza en xuño, ainda que non se descarta tramitar algunha prórroga tendo en conta que a concesión da subvención é deste mes de setembro.