• O proxecto das beirarrúas de Espasante, xa remitido á institución portuaria, apunta a ser o primeiro en poñerse en marcha. Tras el, prevense a instalación das varandas no peirao, a dragaxe da ría ou a firma dun convenio para eventos na chaira.
• O alcalde, Valentín Calvín, reuniuse onte xoves co presidente da entidade autonómica, José Antonio Álvarez, para empezar a dar forma a estes plans.
O Concello de Ortigueira concreta, xunto a Portos de Galicia, sete proxectos para mellorar a súa contorna marítima. Faio tras a reunión que o rexedor da localidade, Valentín Calvín, mantivo onte xoves xunto ao presidente da institución portuaria, José Antonio Álvarez Villar.
Os representantes de ambas as entidades avanzaron nas conversacións para a posta en marcha de varios plans, que presumiblemente comezarán co demandado proxecto das beirarrúas de Espasante. A documentación xa foi enviada por parte do Concello a Portos de Galicia como primeiro paso para concretar “de verdade” a demandada actuación, que debe contar co visto e prace da entidade autonómica, titular do chan.
A maiores, Calvín aproveitou a reunión con Álvarez Villar para poñer sobre a mesa outros seis proxectos que permitirán, no medio e longo prazo, potenciar os recursos ortigueireses nas súas zonas portuarias. Concretamente, ambas as entidades conversaron sobre a instalación de varandas no peirao de Ortigueira, a firma dun convenio para realizar eventos na chaira da Alameda, o pintado de prazas de aparcamento na devandita chaira, o balizamento da ría, a dragaxe de Espasante e Ortigueira e mesmo a instalación de cargadores para coches eléctricos.
“Foi unha reunión na que reinou a boa sintonía, necesaria para poder desenvolver mellor a contorna portuaria de Ortigueira, que conta con grandes posibilidades. Temos varios proxectos ambiciosos sobre a mesa e contamos co visto e prace de Portos de Galicia para ilos poñendo en marcha”, expresou o alcalde, Valentín Calvín, ao termo do encontro.