Friday 22 de November de 2024

Inés Rey defende A Coruña como o motor económico de Galicia na presentación do Anuario Económico 2023


Lamentou a falta de apoio do Goberno autonómico no impulso á cidade e puxo como exemplo o investimento do Goberno de España

A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta mañá no Anuario Económico 2023 organizado pola Universidade da Coruña. Destacou a colaboración entre Concello e Universidade para a posta en marcha da Cidade das TIC e a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). “Poucas veces as institucións públicas da cidade concretaron dúas iniciativas de tanto nivel como a AESIA e a Cidade das TIC para ‘reter e atraer talento’” explicou a alcaldesa.

Rey reivindicou os datos económicos da Coruña logo da crise da Covid-19 e as consecuencias da Guerra de Ucraína e definiu a comarca da Coruña como ‘soporte económico de Galicia’: “Case un de cada tres empregos da comunidade están aquí, xunto a máis de 5.000 empresas, algunhas de relevancia internacional, e uns ingresos anuais que superan os 40.000 millóns de euros”. No acto tamén interviron o presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Nieto, o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago e o reitor UDC, Julio Abalde.

A alcaldesa explicou que o clima empresarial de vangarda debe ir acompañado dun espíritu similar e que iso foi o que levou ao Goberno local a apostar pola programación cultural e un cambio no modelo de cidade. “Con estas políticas coido que arredondamos A Coruña como polo de atracción á vez que dinamizamos a economía local por medio do turismo, o comercio e o propio sector da cultura” sentenciou. Lamentou a falta de apoio do Goberno autonómico no impulso á cidade e agradeceu a colaboración do Goberno de España con grandes investimentos como o enlace ferroviario a Punta Langosteira, o dragado da ría do Burgo ou a remodelación de Alfonso Molina.