Friday 22 de November de 2024

O Goberno municipal logra a rehabilitación da Escola infantil dos Regos


Ante o abandono e desatención por parte da Xunta da Escola Infantil A Pardela, e o caso omiso ás continuas peticións do Concello da necesidade de restaurar o edificio, o alcalde Ángel García Seoane e a concelleira de Servizos Sociais Belén Taboada reuníronse co xerente do Consorcio Galego de Benestar para desbloquear a situación. A financiación da obra, que lle correspondía á Xunta, financiarase coas aportacións de dous anos que o Concello fai á escola e cunha aportación autonómica.

A escola, que forma parte da rede A Galiña Azul, presenta evidentes desperfectos que serán subsanados no seu conxunto –cuberta, fachadas, paredes interiores, pavimento, fiestras, sistema calefactor…-. “Tiñamos solicitado desde hai máis de dous anos diversas obras de reparación urxentes na Escola infantil da Pardela. Polo abandono da Xunta durante moito tempo, esta escola precisa de importantes melloras e non é o Concello quen ten que asumir ese custo, senón a Xunta. A nós correspóndenos un tercio dos gastos correntes e o mantemento, pero non este tipo de obras estruturais”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.

“A reunión comezou con posturas enfrontadas. Inicialmente eles falaban de que non tiñan cartos. No momento que lles dixemos que non íamos permitir que os nenos e nenas de Oleiros estivesen en malas condicións e que, polo tanto, habría que pechar a escola, cambiaron de postura rapidamente”, explicou o alcalde.

O edificio, igual que todas as escolas infantís de Oleiros, foi construído polo Concello no 1993. Ten 675 metros cadrados distribuídos nun espazo multifuncional e cinco aulas.