Friday 22 de November de 2024

Adxudicadas 64 parcelas do novo espazo de hortas urbanas no parque Adolfo Suárez


Logo do prazo de alegacións, abrirase unha nova quenda de inscricións para as 23 hortas e 4 mesas de cultivo aínda dispoñibles

O Concello levou a cabo un investimento de 305.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER, para a posta en marcha deste espazo

O Concello da Coruña vén de adxudicar 64 parcelas do novo espazo de hortas urbanas no parque Adolfo Suárez. En total, recibírose 116 solicitudes de persoas físicas e asociacións ou entidades das cales 52 foron rexeitadas por atoparse fóra de prazo ou non cumplir os requisitos establecidos na convocatoria.

Das parcelas adxudicadas, 62 pertencen a persoas físicas e 2 a asociacións ou entidades da cidade. Logo do prazo de alegacións, que ten unha duración de 10 días hábiles dende o díaposterior da súa publicación na web do Concello, abrirase unha nova quenda de inscricións para as 23 hortas e 4 mesas de cultivo que non foron adxudicadas nesta quenda e que fican dispoñibles.

Este novo espazo de ecohortas no parque Adolfo Suárez, en San Pedro de Visma, foi posto en marcha polo Goberno de Inés Rey no pasado mandato e contou cun investimento de 305.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER. O vindeiro día 26 procederase ao desbroce e preparación das hortas para que os novos usuarios poidan empezar a traballar nelas en condicións óptimas. Á de Visma súmanse ás hortas urbanas xa existentes nos barrios da Agra do Orzán, Novo Mesoiro e Eirís ofertando un total de 318 parcelas individuais, 24 mesas de cultivo individuais, 4 parcelas de uso común e 4 mesas de cultivo.

O novo espazo de ecohortas do parque de Adolfo Suárez suma unha superficie de 4.478 metros cadrados, con 28 metros cadrados de superficie por parcela, e está adaptado para as usuarias e usuarios con mobilidade reducida. A autorización de uso do espazo rematará para todas as ecohortas o 9 de maio do 2026.

Servizos dispoñibles
O espazo conta con iluminación nos principais percorridos de acceso e paso das persoas usuaria así como a de tomas de auga compartidas para cada dúas unidades de terreo.
Durante as obras instalouse, ademais, unha edificación auxiliar de 91 metros cadrados destinada a usos veciñais, así como para almacenar o material comunitario, obxectos persoais e de aseo.

Tamén conta cunha pía para o lavado de calzado, ferramentas e vexetais, un composteiro común, un xardín de plantas aromáticas e tamén se reservou o espazo preciso para crear, nunha seguinte fase, un invernadoiro que tería a función de sementeiro colectivo para as persoas usuarias das hortas urbanas do parque.