Saturday 16 de November de 2024

O Concello pon en marcha a sétima edición dos Orzamentos Participativos cunha proposta de investimento de 2,5 millóns de euros


A partir de hoxe poderán presentarse as propostas para a cidade e os barrios tanto na web do Concello como de xeito presencial nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum

A veciñanza poderá propor e escoller investimentos por valor de 1 millón de euros para toda a cidade e por 1,5 millóns de euros para os barrios, a razón de 150.000 euros para cada un dos dez distritos

O Concello lanza a partir de hoxe, venres 22 de setembro, unha nova edición dos Orzamentos Participativos cos que a cidadanía poderá escoller investimentos por valor de 2,5 millóns de euros a realizar na cidade con cargo ao orzamento municipal do ano 2024. A veciñanza poderá propor e escoller investimentos para toda a cidade por valor de 1 millón de euros e por un valor total de 1,5 millóns de euros a repartir nos distintos barrios da Coruña, a razón de 150.000 euros para cada un dos dez distritos censuais.

Como nas sete edicións anteriores, o procedemento desenvolverase en tres fases e todas as persoas empadroadas no municipio da Coruña maiores de 16 anos poden participar neste programa propoñendo, apoiando e votando propostas.

A primeira fase, a recollida de propostas, comeza hoxe e chega ata o 2 de outubro. Nesta fase, os cidadáns poderán presentar as súas propostas para a cidade e os barrios a través da páxina web do Concello, no apartado nacorunacontas.coruna.gal. Tamén se poderán presentar propostas de xeito presencial nos rexistros municipais de María Pita, Ágora e Fórum. Unha vez recibidas, os técnicos municipais validarán aqueles proxectos que sexan tecnicamente viables e de competencia municipal.