A primeira saída guiada, prevista para mañá venres ás 19.30 horas, está aberta a toda a cidadanía e contará coa participación de varios escritores
Carballo despide a Semana da Mobilidade apagando os motores do autobús urbano e acendendo os do trolebús literario que vai circular a partir de agora polas nosas rúas, un vehículo imaxinario que nos transportará a lugares vinculados a autores locais e ás súas obras.
Este venres 22 de setembro despregamos o Mapa Literario de Carballo, un novo recurso cultural co que queremos dar a coñecer aos autores e autoras locais, a literatura inspirada no noso concello e os recunchos dos que parte esa inspiración, ao tempo que promovemos unha nova ruta turística e seguimos apostando pola mobilidade sostible.
O mapa inclúe dúas liñas, e mañá percorreremos unha delas co guía que se vai encargar da súa difusión e con outros “guías” moi especiais, xa que nos acompañarán varios dos autores que forman parte do percorrido. O punto de encontro será o CEIP Bergantiños ás 19.30 horas. En cada unha das 11 paradas da Liña 1 atoparemos un panel co esquema da ruta, o fragmento ao que fai alusión esa parada, o nome do autor ou autora e un código QR que enlaza coa páxina web do Mapa Literario de Carballo. Nos vindeiros días procederemos tamén á sinalización da Liña 2.
O Mapa Literario de Carballo, ademais dun recurso turístico, cultural e mesmo deportivo, tamén é un importante recurso educativo. De feito, desde a Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, promotora da iniciativa, xa se remitiu un convite a todos os centros educativos, aos que se lles ofrece a posibilidade de solicitar visitas guiadas para os escolares.
A ruta inaugural está aberta a toda a cidadanía. As persoas interesadas en participar poden anotarse na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo a comunicacion@carballo.gal.