Ademais de articular o compromiso municipal cos dereitos e o benestar de nenos e adolescentes, abrirá a posibilidade de solicitar o recoñecemento da Laracha como Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF.
O xoves da semana que vén celebrarase o Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro, sesión á que serán elevados moi diversos asuntos que nos próximos días serán sometidos a ditame das Comisións Informativas.
Unha das cuestións a tratar nesa sesión será a proposta do goberno local de aprobar o I Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA) do Concello da Laracha, documento consistente nunha folla de ruta que articule o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e oriente as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos.
O proceso de redacción do PLIA iniciouse cunha diagnose da situación actual dos nenos e adolescentes laracheses, expoñendo as fortalezas e facendo fincapé nas necesidades, preocupacións e detección de posibles situacións de vulnerabilidade
A elaboración do documento foi acompañada pola creación, co apoio dos centros de ensino, dun órgano de participación da infancia e adolescencia formado por nenos e mozos -co acompañamento técnico de persoal municipal e profesorado de primaria e secundaria- no que os 31 membros -alumnos de 6º de primaria e de 1º e 2ª de ESO- puideron debater sobre as súas inquedanzas e canalizar as ideas e propostas que achegaron ao Concello. Con este órgano contribúese á consolidación do dereito de participación infantil, sendo esta unha das pezas angulares segundo a Convención sobre os Dereitos do Neno e requisito para poder optar ao recoñecemento do Concello da Laracha como Cidade Amiga da Infancia que outorga UNICEF.