Saturday 16 de November de 2024

Os socialistas aféanlle ao BNG que confunda o Concello coa súa sede e que o faga a conciencia: “é perfectamente consciente de que a señora Pontón non representa ningunha institución”


Gonzalo Muíños asegura que esta “utilización partidista” é “pouco sorprendente” cando “confunde o pleno da corporación coa Asamblea do BNG que é quen realmente ten a última palabra en cada cuestión da cidade”

Os socialistas criticaron a “utilización partidista” do Concello de Santiago que a alcaldesa, asegura, fixo coa visita “disfrazada de institucional” que realizou esta mañá a líder nacionalista, Ana Pontón. Gonzalo Muíños insiste en que esta actuación a fai a conciencia fronte a “submisión de Compostela Aberta que continúa a amosar que a súa voz neste goberno vai camiño da intranscendencia”.

O portavoz dos socialistas recalca que nesta visita “non se convidou aos outros portavoces” como se fai cando vén outra autoridade ou entidade social e critica que “a señora Sanmartín faga da Casa do Concello a casa do BNG” confundido “institución con partido”.

Ante estes feitos que cualifican de “graves” pola “anomalía institucional que esta visita supón”, Muíños deixa claro que é “a continuación dunha actitude que vimos desde o primeiro día e que se agudizou nestes últimos” xa que, asegura “tamén confunde o pleno da corporación coa asamblea do BNG que é quen realmente ten a última palabra en cada cuestión da cidade”, quedando o seu veredicto “sempre por riba de calquera consideración dos grupos da oposición e da opinión de Compostela Aberta”.