Saturday 16 de November de 2024

Unha vintena de empresas e entidads conformarán a delegación da música galega promovida pola Xunta no Womex da Coruña


— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse cunha representación das compañías inscritas para abordar as principais accións de difusión no marco deste gran encontro internacional, que terá lugar do 25 ao 29 de outubro

— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contará cun stand e un programa de actividades que, baixo a marca Galician Tunes, amplificará a visibilidade dos nosos artistas e firmas musicais na Worldwide Music Expo

A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a xuntanza que o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo cunha ampla representación da vintena de empresas e entidades que integrarán a delegación da música galega no Womex (Worldwide Music Expo) da Coruña. A Xunta está a deseñar conxuntamente co sector a súa participación coordinada nesta feira, considerada a máis importante do mundo no ámbito da música folk e de raíz, que do 25 ao 29 de outubro reunirá na cidade herculina uns 3000 profesionais chegados dun centenar de países.

Ademais das actuacións de Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate como parte do cartel internacional de concertos do evento, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén apoia a actividade empresarial e de negocio das firmas galegas acreditadas baixo o paraugas de Galician Tunes, a marca empregada polo Goberno galego para os diferentes programas de promoción exterior da nosa música. Baixo este selo, estanse a perfilar as principais accións de difusión en Womex, así como o stand que funcionará como epicentro da actividade galega no recinto feiral do Palexco.

A través desta participación conxunta, búscase sumar esforzos co sector para aproveitar a oportunidade promocional e de negocio que para a industria musical galega supón volver recibir na nosa Comunidade un evento destas características tras as edicións que tiveron lugar en 2014 e 2016 na Cidade da Cultura e outros espazos de Santiago de Compostela.

Amplificar a visibilidade
Ao tempo, a Xunta está traballar na organización do programa Focus Galicia nos días previos ao inicio de Womex para incidir no mesmo obxectivo de amplificar a visibilidade dos artistas e grupos galegos. No marco desta iniciativa, convidarase unha selecta escolma de programadores de festivais internacionais a participar nun evento para a identificación da música co territorio que, entre outras accións, inclúe showcases, presentacións en formato pitching e sesións de networking co fin de favorecer a contratación exterior de artistas e bandas da nosa Comunidade.