Friday 22 de November de 2024

Moeche acollerá o 25 de outubro unha xornada formativa sobre o novo Caderno Dixital de Explotación Agrícola


A partir de setembro do ano que vén comezará a implantación progresiva do novo Caderno Dixital de Explotación Agrícola, no que deberá levarse rexistro dos tratamentos fitosanitarios, fertilizantes e outros datos das explotacións agrogandeiras, como son a declaración de grupos de cultivos ou ecorreximes no caso de que se perciban axudas dentro da PAC 2023-2027. O caderno vén substituír o antigo libro de explotación en papel e, co obxectivo de explicar o seu funcionamento e quen terá a obriga de utilizalo, a Oficina Agraria Comarcal organiza un curso de 4 horas de duración que se desenvolverá no Centro Cultural Francisco Piñeiro o día 25 de outubro entre as 16 e as 20:00h. Ata daquela aínda queda tempo, pero cómpre ir apuntándose xa a través desta ligazónfacilitada por Medio Rural.

O Caderno Dixital de Explotación será voluntario para as granxas que manexen menos de 5 hectáreas de terreo e menos dunha hectárea de regadío, ademais de para aquelas que teñan pastos onde non se boten abonos.

Porén, desde o 1 de setembro de 2024 será obrigatorio para todas as explotacións que conten cunha superficie total superior a 30 hectáreas (sumando terras de cultivo e cultivos permanentes), ou que posúan máis de 5 hectáreas de regadío. Se a explotación ten cultivos en invernadoiro, o caderno dixital será sempre obrigatorio, independentemente da superficie.

Un ano despois, a partir do 1 de setembro de 2025, tamén deberán empezar a utilizalo o resto de explotacións -agás as de menos de 5 hectáreas-, incluídas aquelas que fertilicen pastos.

O Ministerio de Agricultura publicou en agosto un comunicado aclaratorio sobre os prazos de implantación do caderno dixital e as implicacións que ten para quen solicite axudas da PAC. Pola súa banda, a Consellaría do Medio Rural xa ten implementada unha aplicación informática para a levanza do libro, á que se lle engaden outras funcionalidades para a xestión da información do sector primario, como son o Sistema de Información de Explotacións agrícolas, gandeiras e da produción agraria (SIEX), o Rexistro Autonómico de Explotacións Agrarias (REAGA) e o propio Caderno Dixital de Explotacións Agrarias (CUE).

Para explicar todas estas novidades, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, ofrecerá unha xornada de 4 horas de duración que tratará na súa primeira parte o encadre normativo do caderno dixital (o Real Decreto 1054/2022) e na segunda o funcionamento da aplicación informática XEAGA posta en marcha por Medio Rural para a levanza do novo libro dixital de explotación.

Este pequeno curso acelerado desenvolverase no Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade) o 25 de outubro entre as 16 e as 20:00h. A participación é gratuíta, pero require preinscrición a través deste enlace da Oficina Agraria Virtual.