O Museo do Pobo Galego acolleu na tarde de onte a entrega dos Premios Rosalía de Castro de Lingua 2023 con presenza entre os premiados nesta edición dun traballador do Concello de Fene: o xestor de actividades Culturais Daniel Romero, que recibiu o galardón na categoría de “Persoa”. A alcaldesa en funcións de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Arda, e compañeiras/os do Departamento de Cultura e do Concello de Fene arrouparon ao galardoado neste acto.
Cos Premios Rosalía de Castro de Lingua, certame organizado por Cultura da Deputación da Coruña, recoñécese o labor de persoas ou entidades na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no resto do país.
Na categoría de “Persoa”, o xurado premiou neste 2023 a Daniel Romero por “abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas”. No seu veredicto, o xurado tamén salienta que “o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística”, tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros”.
Tamén recibiron senllos recoñecementos, na categoría de entidades, o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego; e no eido de proxecto de dinamización lingüística, a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’.
O acto estivo presentado pola xornalista María Obelleiro, que dirixe o único xornal diario que se publica na nosa Comunidade Autónoma 100% en galego e contou coa actuación musical do grupo Momboi, gañador no ano 2020 do premio Narf, convocado tamén pola Área de Cultura da Deputación da Coruña.
DANIEL ROMERO
A piques de xubilarse, Daniel Romero desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional no Concello de Fene onde sentou as bases da política cultural local que, se por algo se caracterizou nestes últimos 40 anos, foi pola súa defensa a ultranza do galego e do noso. Foi, de feito, o artífice de boa parte das grandes iniciativas que xordiron do Concello de Fene no eido cultural nestas últimas décadas. A recuperación da memoria histórica local co ciclo Cóntanos, que se plasmou nunha exposición fotográfica e nun caderno sobre a historia de Fene a través da fotografía; o ciclo Non des ao esquecemento, con actividades varias relacionadas co período pre e post-guerra civil; a adquisición de obra artística para o Concello como a escultura de Loureiro instalada en San Valentín co gallo do Ano da memoria; ou a Homenaxe ás corporacións municipais democráticas, coa adquisición dunha instalación de Patricia Dopico que se amosa no salón de plenos da casa do Concello, son algún exemplos.
Pero ademais, o Entroido de Fene, co seu cariz singular, respectando algúns dos elementos tradicionais desta festa no concello -coma o velorio ou a queima do Antón- ou o ciclo Xullo, mes da Patria no que se programan espectáculos musicais, artísticos ou monólogos, coa cultura e a lingua galega por bandeira, levan tamén a pegada de Daniel Romero.
Se falamos do Museo do Humor Xaquín Marín, a historia do único museo de humor gráfico que existe en Galicia e un dos poucos que existen en España e no Mundo, ten tamén moito que ver co seu labor. É sabido que o Museo do Humor naceu por iniciativa dos humoristas gráficos Xaquín Marín e Siro López que, alá polo ano 1983 elaboraron un Manifesto en Defensa do Humor Galego, do que logo xurdiría este centro. A historia, certamente, foi así pero o que non se adoita contar –e tanto Xaquín como Siro o recoñecen- é que o feito de que o proxecto callara no Concello de Fene ou de que, tan só un ano despois, se puxera en marcha o Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do humor” (que acadou repercusión mesmo a nivel internacional) foi, en boa medida, grazas ao labor de Daniel Romero. El sempre estivo aí, suxerindo, impulsando ou apoiando cada cada unha das iniciativas polas que o Museo do Humor foi consolidándose e medrando en Fene.
E no ano 2008, cando Xaquín Marín se xubilou como director do museo, quedando este sen o seu piar fundamental, foi tamén Daniel Romero quen, pasado un tempo, deu un paso á fronte para non deixar esmorecer un espazo tan importante para Fene e Galiza. Así, retornaron os Premios Curuxa e voltaron as exposición ao Museo do Humor: “O humor e os dereitos da infancia”, “Imaxes EBA. Homenaxe a Blanco Amor”, “Xeración Retranca”, “Humor do país, de Luís Davila (O bichero)”, “Francisco Ibáñez, el mago del humor”, ou “Pinto & Chinto, 25 anos”. Ademais, en 2014 acordou focalizar toda a programación cultural do Concello de Fene ao redor do Museo para conmemorar o seu 30º aniversario, convencendo e implicando ao Goberno Municipal daquel mandato (e ás sucesivas corporacións) da necesidade de apostar por este recurso cultural e único do Concello de Fene. O certo é que hoxendía xa ninguén o pon en cuestión.