Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o incremento nos últimos anos dun 25% nas compensacións aos profesionais da quenda de oficio polo servizo de asistencia xurídica gratuíta


— O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a comunidade galega é unha das que mellor retribúe aos profesionais deste servizo cun aumento do 15% de media nos baremos consensuados ata 2025

— O Goberno galego tamén colabora co Consello da Avogacía Galega con 200.000 euros na asistencia xurídica gratuíta por requirimento xudicial e máis de 159.800 euros no desenvolvemento de accións de protección profesional a vítimas de violencia sexual

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, destacou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta co servizo de asistencia xurídica gratuíta cun incremento nos últimos anos nun 25% ata os 13 millóns de euros. Só no último ano -indicou- o aumento é de case o 19%, por riba de comunidades como Andalucía, Valencia, País Vasco, Asturias ou A Rioxa.

Así, incidiu en que, segundo o último informe do Observatorio de Xustiza Gratuíta correspondente a 2022, a comunidade galega é unha das que mellor retribúe os profesionais da quenda de oficio conforme ao baremo consensuado en 2021 co Consello Galego da Avogacía e o Consello Galego dos Procuradores e vixente ata 2025.

Deste xeito, aumentáronse as compensacións económicas que perciben os profesionais da quenda de oficio, en concreto nun 15% de media nos baremos a colexios de avogados e de procuradores da comunidade por atender este servizo.

O Goberno galego vén introducindo nos últimos anos incrementos nas compensacións e melloras na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta, fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Por iso, tal e como asegurou o director xeral de Xustiza, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais.

A estas contías súmanse máis de 810.200 euros destinados o ano pasado aos gastos de funcionamento e infraestrutura deste servizo, o que supón unha suba do 3%.

Na súa intervención, José Tronchoni lembrou que a Xunta tamén colabora co Consello da Avogacía Galega na compensación dos custos da asistencia xurídica gratuíta por requirimento xudicial aos letrados designados en virtude de requirimento xudicial cando non exista un recoñecemento expreso do dereito de asistencia gratuíta. En concreto, con 200.000 euros para a cobertura económica das asistencias letradas nun procedemento penal cando as persoas físicas ou xurídicas defendidas reúnan certos requisitos, como ter denegado o dereito de asistencia xurídica gratuíta por diferentes causas, como defectos de forma na solicitude, ou por carecer de recursos ou de patrimonio, entre outros.

Tamén puxo en valor as actuacións realizadas a prol das persoas en situación de vulnerabilidade, por exemplo, o convenio entre a Vicepresidencia Primeira e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co Consello da Avogacía Galega por importe de 159.860 euros co obxectivo de desenvolver accións de atención profesional a vítimas de violencia sexual no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, de maneira que dispoña dun profesional especializado en delitos contra a liberdade sexual que a asista en relación coa denuncia.

Outro dos acordos previstos contempla a cobertura económica nas asistencias letradas a persoas menores de idade no ámbito da loita contra a violencia e da promoción dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes e a prestación da formación especializada nesta materia. Este dereito esténdese a persoas recoñecidas legalmente en situación de especial vulnerabilidade.

Por iso, o director xeral de Xustiza fixo fincapé na importancia da atención xurídica especializada que sitúa á comunidade galega como pioneira no acompañamento inicial a vítimas especialmente vulnerables, mulleres vítimas de violencia sexual e menores vítimas de delitos de violencia.