Friday 22 de November de 2024

A Coruña acolle entre o venres e o sábado a terceira edición do congreso internacional ‘Artes pola paz’, que viaxa no tempo para valorar o legado de Picasso


A Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Picasso e o Teatro Colón acollerán as diversas iniciativas previstas, con obradoiros culturais e percorridos guiados —coas prazas xa cubertas ao 100%—

A catedrática Marián Cao, da Universidade Complutense de Madrid, pechará o congreso cunha conferencia aberta á cidadanía, na que se revisará a obra e figura de Picasso tras medio século

A Coruña acolle esta semana, entre o venres 22 e o sábado 23, a terceira edición do Congreso Internacional ‘Artes pola paz e educación en dereitos humanos’, unha iniciativa na que o Concello e a Universidade da Coruña (UDC) colaboran de forma conxunta co obxectivo de promover un punto de encontro e un espazo de referencia sobre a importancia das artes como defensoras dos dereitos humanos.

Nesta ocasión, o congreso lévase a cabo ao abeiro da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, que conmemora o 50.º aniversario do falecemento do artista malagueño, que pasou parte da súa infancia na Coruña. Neste sentido, o ciclo inspírase na viaxe europea do artista Luís Seoane —desde o seu exilio na Arxentina— no ano 1949, cando asiste como representante da plástica arxentina ao Congrès Mondial des Partisans de la Paix en París, onde coñecerá a Picasso e visitará o seu obradoiro na rúa Des Grands-Agustins.

Aquela efeméride serve de contexto para identificar a programación do congreso, baseado na importancia das artes como defensoras dos dereitos humanos, a integración das artes plásticas e a arquitectura na vida das persoas, e a educación artística e a cultura da paz. José María Mesías, profesor titular na Facultade de Ciencias da Educación da UDC, dirixe o congreso.