Thursday 21 de November de 2024

Máis dun milleiro de persoas desfrutan da segunda edición da Festa Rural de Frades


As fortes choivas rexistradas condicionaron en momentos puntuais a asistencia da xente

Máis dun milleiro de persoas participaron na segunda edición da Festa do Rural de Frades, celebrada do 15 ao 17 de setembro na praza de Ponte Carreira. Un evento organizado polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente, a asociación da terceira idade de Frades, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

O mal tempo condicionou o desenvolvemento desta edición, minorando de forma significativa o número de asistentes ás xornadas de sábado e domingo. Porén, aproveitando os claros entre trebóns e as carpas instaladas, todas as actividades e actuacións previstas puideron levarse a cabo.

A II Festa do Rural de Frades arrincou o programa “Interritmos. Sons do rural: xunco, vimbio e palla”, unhas xornadas promovidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Local no marco do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A veciñanza desfrutou das actuacións musicais dos gañadores do Festival Interritmos 2023 (Leni Pérez e Roberto Comesaña, xunto ao grupo As Lembranzas) e das explicacións dos artesáns cesteiros Álvaro M. Leiro e Rosa Olveira. A xornada rematou cunha concorrida degustación de produtos locais: tortilla, lacón, polo, xamón…

O sábado abriron as súas portas o mercado de artesanía e a exposición etnográfica do Museo de Frades, onde se puideron contemplar fotografías do centro de cultura tradicional e a rapazada puido xogar cos recortables de “Os Galaicos”, obras do ilustrador Paco Boluda para coñecer polo miúdo o mundo castrexo. Pola súa banda, no mercado de artesanía tomaron parte unha vintena de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas… con algunha demostración en directo e degustación de produtos e xogos de muxido da man da Casa Grande de Xanceda. A choiva fixo acto de presenta durante a actuación infantil de Pakolas, co seu espectáculo “Rockeando con Ramona pequena” e na verbena co Dúo Arcángel.

Na xornada do domingo, a carpa quedou pequena para acoller o xantar popular da II Festa Rural do Concello de Frades a base de empanada, xamón, callos, xarrete con verduras, larpeira e xeado. Tamén foi moi concorrida a exposición de motos antigas. Pola tarde, nova edición do Festival Folclórico cos grupos Sarillo (Aiazo), Medorra con Troula (Galegos) e “Os Viqueiras de Villaverde”, ademais de verbena cos grupos “Maghúa” e “Tiruleque”.