Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo para participar no programa de Antenas de Información Xuvenil do Concello


O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa a difusión e dinamización de información xuvenil entre iguais.

A Área de Benestar Social do Concello da Coruña, a través do Servizo de Mocidade, pon en marcha o programa Antenas de información Xuvenil para o curso 2023/2024, co fin de elixir as persoas correspondentes da Rede Municipal de Información Xuvenil (RMIX) que difundirán información nos centros educativos que participan neste programa.

As Antenas son pequenas sucursais dos Espazos de Información Xuvenil en centros públicos e centros concertados con ESO e bacharelato da cidade que están xestionadas por alumnado seleccionado para desempeñar este labor durante o curso escolar. O Goberno de Inés Rey busca con este programa a difusión e dinamización de información xuvenil entre iguais.

Para participar como Antena é necesario estar matriculada/o nos centros onde se desenvolve o programa, ter un mínimo de 15 anos e un máximo de 25, e non ter exercido como antena un máximo de 3 cursos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 25 de setembro ao 6 de outubro, e as solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentarase a través do correo electrónico cmix@coruna.gal.

As Antenas seleccionadas recibirán unha compensación económica de 100 euros, entradas a eventos organizados polo Concello da Coruña, formación en materia de información xuvenil e un certificado que acredite a súa participación no programa. Toda a información sobre o programa poderase obter nos Espazos de Información Xuvenil, situados no Centro Ágora, Naves do Metrosidero e Fórum Metropolitano, na web www.coruna.gal/informacionxuvenil, e a través do WhatsApp 606 362 366 e do correo electrónico cmix@coruna.gal