· O inicio das actividades está previsto para o 2 de outubro.
· Establécense bonificacións nas taxas, dirixidas aos perceptores de RISGA, persoas con informe de Servizos Sociais, familias numerosas ou maiores de 65 anos.
O Concello de Camariñas abriu o prazo de inscrición para as súas actividades culturais e deportivas municipais para o curso 2023-2024. A data límite para anotarse é o próximo venres, 29 de setembro, e o inicio da programación está previsto para o luns 2 de outubro.
As opcións culturais inclúen: música moderna, música tradicional, baile, danza coreográfica, baile latino e salón en parella, baile moderno, baile galego, coro municipal, encaixe de Camariñas (palillo), biblioteca, inglés, informática e a organizada pola ANPA do CEIP O Areal (robótica, deseño de videoxogos, bright minds, ciencia e manualidades divertidas).
En canto ás deportivas, hai opcións para menores como Educación Física Concello Activo, Escola de Fútbol Concello de Camariñas Juan Cabrejo, Club Balonmán de Camariñas, actividades náuticas, Club Náutico de Camariñas, judo, tenis de mesa e patinaxe; e para adultos, Concello Activo Sénior, ioga, pilates, RelaxGim e ximnasia de mantemento.
Ademais, tamén se oferta, a través dos Servizos Sociais municipais, un taller de memoria destinado a persoas maiores de 60 anos ou con diagnóstico médico que indique a necesidade do obradoiro se son menores de 60 anos.
O Concello estableceu diferentes bonificacións nas taxas das actividades. Non pagarán: os perceptores de RISGA ou con informe favorable dos Servizos Sociais á exención, o terceiro ou máis fillos dunha familia numerosa. Os maiores de 65 anos gozaran dun 50% de bonificación nas actividades físicodeportivas.