Friday 22 de November de 2024

A CMAT anima ao sector turístico privado a presentar a súa candidatura para ser a sede do III Encontro de Turismo da Costa da Morte


Costa da Morte Asociación Turística pretende brindar a oportunidade a todos os establecementos turísticos deste territorio de acoller esta cita, prevista para o 28 de novembro

O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro

A Costa da Morte, un dos destinos turísticos máis singulares de Galicia, prepárase para acoller o agardado III Encontro de Turismo de Costa da Morte. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), co cofinanciamento de Turismo de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña, está a traballar activamente para facer desta cita un evento inesquecible. Neste sentido, a CMAT lanza un convite ao todo o sector turístico privado da Costa da Morte para que presente as súas candidaturas para acoller e ser a sede deste evento. O prazo de envío: antes do 30 de setembro de 2023.

O III Encontro de Turismo de Costa da Morte terá lugar o 28 de novembro de 2023 e nel reuniranse os principais axentes públicos e privados que traballan en prol do desenvolvemento sustentable do turismo na rexión. Este evento, que tivo lugar por primeira vez en 2021 no Parador de Costa da Morte en Muxía e o ano pasado en Costa Caión (A Laracha), quere ser un espazo de celebración do traballo en rede, de intercambio de ideas, éxitos e propostas para seguir fomentando o crecemento económico e social do territorio a través do Turismo.

Este ano a CMAT quere brindar a oportunidade a todos os establecementos turísticos da Costa da Morte de ser a sede deste encontro. A intención é darlle visibilidade ás empresas da Costa da Morte e poñer en valor o excelente traballo do sector. Para iso, estableceu un prazo de presentación de candidaturas que rematará o 30 de setembro. Calquera establecemento que reúna os requisitos establecidos está convidado a enviar a súa proposta. Terán prioridade as candidaturas de establecementos asociados á CMAT a través da Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte (APTCM)), buscando así fomentar a colaboración e o traballo en rede. Aquelas empresas que non sexan socias de APTCM, pero desexen acoller o evento, poderán asociarse en calquera momento, xa que a entidade se atopa en proceso de captación de membros para lograr unha maior unión e profesionalización do sector.

A CMAT estableceu uns requisitos mínimos para valorar as candidaturas, entre os que se inclúen:

– Localización do establecemento na Costa da Morte.

– Aforo mínimo de 150 persoas.

– Dispoñibilidade de espazos axeitados para o formato do evento.

– Equipamentos e medios necesarios ou capacidade de subcontratar aqueles dos que non se dispoña.

– Experiencia en eventos similares.

– Dispoñibilidade na data e horario indicados (martes 28 de novembro, de 17:30 a 20:00 horas, aproximadamente).

Presentación de candidaturas:

– Prazo: ata o 30 de setembro de 2023.

– Formato: Cumprimentar o anexo descargable dispoñible no sitio web da CMAT (visitacostadamorte.com).

– Envío: Enviar o anexo xunto coa documentación complementaria necesaria ao correo da CMAT: admincmat@visitacostadamorte.com.

Valoración de candidaturas:

A CMAT valorará todas as candidaturas recibidas e contactará coas empresas para analizar a súa idoneidade e tratar os aspectos económicos, co obxectivo de seleccionar a opción que mellor se adecúe ás necesidades do III Encontro de Turismo de Costa da Morte.

A CMAT agarda con entusiasmo as candidaturas para celebrar este III Encontro de Turismo da Costa da Morte, que fortalecerá as relacións entre os actores deste sector clave para o territorio.