— Destaca que Galicia ocupa un lugar central na historia da loita pola igualdade con persoas pioneiras na defensa dos dereitos da muller como a escritora coruñesa
— Aposta por seguir a senda dun feminismo amplo que estea presente en todas as facetas da vida
— Resalta o papel de María Teresa Cortizas-Criado na formación sobre violencia de xénero no eido xudicial; o traballo da Fundación Secretariado Gitano na integración sociolaboral das mulleres deste colectivo e a visibilidade que dá a asociación Executivas de Galicia ás galegas que son referentes nas súas profesións
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde a importancia de loitar pola igualdade efectiva de homes e mulleres desde todos os ámbitos da sociedade para continuar co legado de aqueles galegos e galegas que foron pioneiros na defensa dos dereitos das mulleres.
Durante a entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán na Coruña, na que estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, o titular do Goberno galego sinalou que Galicia ocupa un lugar central na historia da loita pola igualdade.
Rueda puxo como exemplo deses galegos senlleiros a escritora que da nome a estes galardóns á que definiu como unha das fundadoras do feminismo. O presidente lembrou que o seu labor permitiu abrir moitas portas ás mulleres das seguintes xeracións e que Emilia Pardo Bazán foi pioneira ao lanzar unha colección literaria dedicada ao público feminino ou en definir os crimes contra a muller coma ‘mujericidios’ ou ‘feminicidios’.
Ademais, o presidente subliñou que Emilia Pardo Bazán entendía que a reivindicación feminina non era monopolio de ningunha ideoloxía en especial e apostaba por unha alianza de mulleres e homes en pos dun obxectivo compartido. Nesta liña, Rueda amosou o compromiso da Xunta en seguir a senda dun feminismo amplo e presente en todas as facetas da vida.
Galardoadas nesta edición
Rueda salientou que as premiadas desta quinta edición das Medallas Emilia Pardo Bazán amosan que a defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres está presente en ámbitos moi diferentes do día a día.
O presidente destacou o labor realizado pola xuíza e delegada de Igualdade da Sala do Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, María Teresa Cortizas-Criado, que se encarga da formación do persoal da xudicatura en materia de violencia de xénero e igualdade así como de impulsar a execución do Plan de Igualdade da Carreira Xudicial.
Rueda tamén salientou o traballo que desde hai décadas realiza a Fundación Secretariado Gitano para mellorar a integración sociolaboral das mulleres xitanas, fomentado a igualdade de oportunidades e loitando contra todo tipo de discriminación. Nesta liña, lembrou o Programa Calí no que a Xunta colabora con esta entidade.
Por último, agradeceu a Asociación Executivas de Galicia o seu labor diaria para dar visibilidade a aquelas galegas que son referentes hoxe en día na súa actividade profesional e servir de exemplo para as novas xeracións.