Friday 22 de November de 2024

O concello organiza un outubro cultural para coñecer o patrimonio histórico e natural larachés


A inscrición é gratuíta e xa está aberta para todos os públicos.

O Concello organiza un novo programa cultural a desenvolver no mes de outubro e dirixido a todos os públicos por medio do que se ofertan dúas xornadas para coñecer o patrimonio histórico e natural do municipio.

A primeira delas será o sábado 7 de outubro a partir das 11:30 horas cunha visita ao castro de Montes Claros guiada por Puri Soto, a directora das escavacións arqueolóxicas que o Concello esta a realizar co propósito de recuperar e poñer en valor este antigo poboado fortificado da Idade de Ferro situado na parroquia de Vilaño.

A segunda xornada realizarase o sábado 28 de outubro, tamén desde as 11:30 horas. Neste caso a actividade consiste nunha visita guiada ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte que se complementará cunha andaina de 4,5 quilómetros, a Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro, na que poderán observarse os restos de antigos muíños ao paso do río polas parroquias de Golmar e de Vilaño.

A inscrición é gratuíta e xa está aberta. Pode realizarse presencialmente no Concello, por teléfono no 981605001 ou cubrindo o formulario que está dispoñible na páxina web e nas redes sociais municipais.