Dende o Servizo de Drogodependencias do Concello de Ribeira levarase a cabo un ano máis a preparación das probas para a obtención das Competencias Clave impartido por Marián Sánchez, educadora da UAD.
A formación, totalmente gratuita, está destinada a aquelas persoas que non teñan a ESO e desexen acceder á formación profesional para o emprego a través dos certificados de profesionalidade promovidos anualmente polo Concello.
Na Comunidade de Galicia as competencias clave demandadas para ditos certificados de profesionalidade son: comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelán, inglés e matemáticas dependendo da especialidade formativa.
As clases están abertas a toda a cidadanía e levaranse a cabo dende outubro ata a data dos exames (normalmente en maio). As clases serán os luns e mércores pola mañá en dúas quendas; de 9 a 11 ou de 11 a 1 da tarde, seguindo sempre os contidos dos programas oficiais vixentes.