A alcaldesa destaca que esta proba, que terá lugar o 21 de outubro, “amosa que calquera persoa, sexa cal sexa a súa condición, pode acadar grandes metas”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá xunto á Fundación ENKI a décima edición da súa carreira inclusiva de obstáculos, que coincide coa data do seu décimo aniversario, baixo o lema ‘10 anos correndo por un mundo inclusivo, son só o comezo”. A rexedora estivo acompañada polo presidente de ENKI, Ángel López, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor.
“Son moitas as accións que leva a cabo a Fundación ENKI ao longo do ano e nós, o Concello da Coruña, sempre estaremos dispostos a colaborar con eles. A carreira ENKI cumpre dez edicións amosando que calquera persoa, sexa cal sexa a súa condición, pode acadar grandes metas”, sinalou Inés Rey, nun acto que tivo lugar no salón de sesións de María Pita, coa presenza de entidades sociais e diferentes colaboradores da proba.
A carreira ENKI busca visibilizar que o lecer e o deporte son para todas as persoas, independentemente da súa condición física ou psíquica. A proba celebra o seu décimo aniversario, o que converte á cita deste ano nun acontecemento especial. “En ENKI e no Concello somos ambiciosos e esperamos que se poida bater o récord de participación do ano pasado, que foi de 10.000 corredores e corredoras”, sinalou Inés Rey.
No acto proxectouse o vídeo da campaña deste ano para a carreira ENKI 2023, no que a entidade reflectiu todas as súas actividades: os adestramentos e competición deportiva adaptada, os campamentos inclusivos, o préstamo de material adaptado, a formación e a investigación, o lecer inclusivo, a sensibilización en centros educativos, a iniciación deportiva de persoas con diversidade funcional e a accesibilidade en parques infantís. Inés Rey quixo destacar que grazas ao acordo do Concello coa Fundación Abrente estanse a crear máis de 100 novas prazas adaptadas nos parques infantís da cidade. “Queda moito por facer, pero estou segura de que iniciativas como esta carreira ENKI son moi necesarias para conseguir esa inclusión real”, apuntou Rey.
Novidades na proba
A carreira, que terá lugar o 21 de outubro na Coruña, xa ten o seu prazo de inscrición aberto.
Os interesados poderán adquirir os seus dorsais, que en edicións anteriores esgotáronse enmenos dunha semana, a través da web de ENKI ou a través do departamento de deportes do Corte Inglés. A día de hoxe xa hai máis de 6.500 persoas inscritas. A recadación total destinarase á adquisición de material deportivo adaptado e posta en marcha de actividades de lecer e deporte para entidades sociais.
Como en edicións anteriores, a proba consistirá nun circuíto de obstáculos adaptados, conprobas singulares como a montaña de pneumáticos, o labirinto de cordas ou a bomba de fariña, entre outras. Con esta xornada deportiva, desde o Concello e a Fundación ENKI, búscase crear novas oportunidades de facer unha sociedade máis xusta, na que todo o mundo poida practicar deporte.
Ademais, o programa da carreira ENKI completarase con diferentes actividades e o espazode solidariedade Entidades en Movemento que ten por obxectivo sensibilizar e concienciar a cidadanía sobre o seu labor. As entidades interesadas en participar no espazo poderán entrar no sorteo, que será o 3 de outubro ás 12.00 horas, comunicando o seu interese a través do correo electrónico (info@enkiproyecto.com) ata o día anterior ao sorteo.
Esta edición especial para celebrar os 10 anos da proba deportiva contará con algunhas novidades e multitude de sorteos nos que se poderá participar tanto de forma individual como en equipo. Entre os premios que se repartirán, destaca a experiencia en parapente, unha fin de semana de actividades na neve, actividades de iniciación á orientación ou ao pádel surf.
Ademais, tamén se sortearán prazas para participar na cabalgata de Reis de 2023 do Concello da Coruña a través da colaboración do Concello con Enki para visibilizar a diversidade funcional, permitindo que outras entidades ou persoas con discapacidade gozar da experiencia.
Pola súa banda, os centros educativos que participen tamén entrarán no sorteo dunha xornada de deporte adaptado no centro, unha equipación de deporte adaptado e tamén poderá conseguir dorsais gratuítos para a próxima edición da carreira ENKI.