O BNG de Oleiros preguntará no pleno de setembro ao Goberno Local sobre o cumprimento da ordenanza municipal de limpeza e da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza
Iván Roca, concelleiro do BNG: “ Nesta loita contra os lumes e para evitar a degradación paisaxística todos temos obrigas, as propietarias das leiras, os Concellos e tamén a Xunta. Cumprámolas”
No pasado pleno ordinario do mes de xaneiro, o noso concelleiro Iván Roca, preguntaba o seguinte ao Goberno local:
«A normativa autonómica, nomeadamente a Lei de montes, fixa unhas distancias mínimas da maleza e de eucaliptos, acacias e piñeiros a respecto das vivendas. No Concello dispoñemos ademais dunha Ordenanza que regula as plantacións e cortas no Concello de Oleiros
Estanse a tomar medidas dende o Goberno Local para o cumprimento destas distancias mínimas con respecto ás vivendas da veciñanza?». O Alcalde respostou que se eliminase cada árbore situada perto das casas, rematarían con todas as árbores, xa que hai casas por todo o Concello.
Agora o Concello demanda, con moito atraso e aínda que con lóxica, aos propietarios dos «eucaliptos inclinados» sobre a avenida Che Guevara a súa «corta inmediata» ante o «risco de caída inminente»; se non, e vía requirimento municipal, será o propio Concello o que proceda á eliminación das árbores ao abeiro da ordenanza municipal de limpeza e da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza, e cargará todos os custes nos propietarios.
Achamos preciso que esta medida sexa de carácter xeral e continuada no tempo coa publicación dun bando lembrando á veciñanza a obriga de cumprir Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, que dende o ano 2007 esixe aos propietarios a xestionar a biomasa florestal e a retirada de eucaliptos e piñeiros próximos ás casas, nomeadamente nun Concello como Oleiros tan densamente poboado e con edificacións tan espalladas por todo o territorio.