
— O conselleiro asiste á filmación na antiga Fábrica de Armas coruñesa de varias das escenas desta coprodución galego portuguesa para Prime Video
— Galicia volve ser o escenario principal desta nova quenda de cinco episodios coa que culmina a miniserie de Ficción Producciones, que xa en 2021 e 2022 se gravou en diferentes localizacións da Comunidade co apoio económico da Xunta
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta tarde na Coruña o equipo da serie de Prime Video Operación Marea Negra na recta final da rodaxe da súa terceira e última temporada. A xornada de traballo desenvolveuse na antiga Fábrica de Armas, unha das numerosas localizacións coruñesas desta nova quenda de cinco episodios. Con ela, culmina o percorrido desta coprodución galego-portuguesa, encabezada pola compañía compostelá Ficción Producciones, que xa nas súas anteriores entregas tivo Galicia como escenario principal co apoio da Xunta a través de diferentes liñas de subvencións ao sector audiovisual galego.
O delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro no seu percorrido polo set xunto con Mamen Quintas e Julio Casal, produtores executivos por parte de Ficción Producciones; e os representantes de Prime Video, da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) e da tamén portuguesa Ukbar.
Preto de 70 profesionais
Na súa visita, tivo a oportunidade de felicitar persoalmente a parte do equipo técnico e artístico, composto por preto de 70 profesionais, dos que máis do 70% son galegos. Igor Legarreta e Oskar Santos lideran a dirección desta nova entrega, que volve contar con Jorge López no papel protagonista xunto a un destacado reparto hispano-portugués no que figuran Óscar Jaenada, Bruno Gagliasso, Pêpê Rapazote, Soraia Chaves, Diego Anido, Luis Zahera ou Miguel de Lira, entre outros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.