Monday 25 de November de 2024

Once titulados de FP da Coruña formaranse en catro países europeos grazas a un programa municipal


A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, despediron hoxe ás persoas participantes no programa Acoreuropa

A concelleira responsable da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, asistiron esta mañá á sinatura dos convenios do programa Acoreuropa, que chega á súa XI edición. Este programa, que forma parte do proxecto de mobilidade Erasmus+ da Unión Europea, está dirixido a mozos e mozas recentemente tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional que se atopan en situación de desemprego e que non teñen unha previa experiencia profesional, para que poidan realizar estadías formativas de tres meses noutros países da UE.

A concelleira animou os once bolseiros a gozar desta oportunidade de formación e intercambio cultural. “Programas como Acoreuropa son moi importantes para o Goberno que dirixe Inés Rey porque poñen no centro as necesidades das persoas que finalizan os seus estudos e queren acceder ao mercado laboral. A posibilidades facer prácticas no estranxeiro, perfeccionar un idioma e ampliar currículo son elementos claves para a inserción no mercado de traballo e non deben limitarse só aos titulados universitarios”, dixo Neira.

O proxecto conta cun orzamento total de total de 49.415,26 euros, sendo a achega municipal de 32.345 euros. O resto está financiado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). Na presente edición os bolseiros e bolseiras son 11 persoas tituladas entre decembro de 2022 e xuño de 2023, nalgún dos ciclos formativos de grao superior impartidos nos 9 centros públicos asociados ao programa: CIFP Ánxel Casal, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Someso, CIFP Escola de Imaxe, IES A Sardiñeira, IES Eusebio da Guarda, IES Fernando Wirtz, IES Ramón Menéndez Pidal e IES Urbano Lugrís. Cinco deles viaxarán a Malta, tres a Praga (República Checa), dous a Portugal e un a Padua (Italia)
O programa inclúe os servizos seguintes para cada persoa participante:

● As viaxes e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña ata a poboación de destino.
● O aloxamento no país correspondente durante o período da estadía.
● Axuda económica para financiar a manutención durante a estadía (1.500,00 €).
● Seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil.
● Contrato de formación non laboral por unha empresa do país correspondente durante un período de 90 días.
● Titorización da estadía e das prácticas formativas por persoal especializado, tanto da empresa coma da organización intermediaria no país de destino.
● Realización, como mínimo, de dúas xornadas de preparación específica para as persoas participantes no programa.
● Preparación lingüística, con acceso a un curso en liña nos idiomas dos países de destino, a través da plataforma “OLS” da EU.
● Tramitación da documentación diante do SEPIE.

Na reunión de hoxe, ademais de asinar os convenios e compromisos de participación para comezar o programa o vindeiro xoves, informouse ás persoas participantes sobre os últimos detalles da súa viaxe (documentación, equipaxe, transfer…), do seu destino (aloxamento, transportes, seguro…) e da súa estadía a nivel persoal (curso de idiomas, normas de convivencia…) e profesional (empresas, normativa laboral, seguemento…) e asinar os compromisos e os convenios de participación.

O programa Bolsas Europa FP-Proxecto Acoreuropa desenvólvese desde o ano 2012 (agás en 2021, pola pandemia), realizando estadías de 3 meses de duración en diversos países europeos, nas que participaron 237 titulados/as de FP, dos que 156 foron de grao medio e 81 de grao superior.