O salón de actos do Castelo de Santa Cruz acolleu esta tarde a conferencia da relixiosa Rebeca Cervantes, pertencente á congregación das Mercedarias Misioneiras de Bérriz. Xunto co alcalde, Ángel García Seoane, falou das súas experiencias en México e Guatemala, dos graves problemas destes países e da esperanza de construír un futuro máis xusto.
Tal e como relatou Rebeca Cervantes, a violencia, a inflación, a pobreza, o feminicidio, a explotación da minería por empresas estranxeiras… lastran o progreso de México. Guatemala, “bello país de la eterna primavera y la eterna represión” comparte moitos dos problemas mexicanos. Para romper as fortes desigualdades nestes países e en todo o mundo “esperamos un nuevo amanecer” grazas a solidariedade de moitísimas persoas. “Sin esperanzas no se puede vivir”, afirmou.
Nesa liña de cambio, falou do importante traballo desenvolvido pola súa orde relixiosa en numerosos países e da necesidade de apertura da Igrexa á realidade do mundo. Tamén agradeceu a solidariedade do pobo de Oleiros e alabou os numerosos programas de cooperación da súa congregación que contaron co apoio do Concello ao longo dos anos en África, Micronesia, Filipinas, Guatemala, Nicaragua, México,…. “Gracias por apoyar educación, ecología, mujeres, niños y jóvenes… Campesinos, marginados…”, dixo.