Saturday 16 de November de 2024

Máis de 250 persoas participarán este domingo no “II Trail Costa Ártabra” organizado polo Concello e a Agrupación de Bombeiros de Narón


Un total de 269 persoas participarán este domingo, día 17, na segunda edición do “Trail Costa Ártabra”, un evento deportivo organizado polo Concello e a Agrupación de Bombeiros de Narón. O edil de Deportes, Ibán Santalla, destacou o éxito de acollida que tivo un ano máis esa convocatoria, nas súas modalidades de trail longo e curto e unha opción de andaina. “A excelente acollida deste evento é unha mostra clara da aposta do Concello e da Agrupación de Bombeiros de Narón por fomentar o deporte na nosa cidade, polo que queremos agradecer o labor realizado para desenvolver un evento destas características e no que tamén poñemos en valor o noso patrimonio natural e cultural”, destacou Santalla.

O trail longo ten un percorrido de 27 quilómetros, que realizarán un total de 82 persoas, se ben na modalidade curta, de 14 quilómetros, inscribíronse 107 deportistas. As 80 persoas restantes realizarán a andaina programada tamén nesta xornada. As saídas serán ás 9.15, 9.45 e 9.30 horas respectivamente dende as inmediacións da Cooperativa do Val, a onde chegarán os participantes progresivamente a medida que rematen os percorridos e onde está prevista sobre as 13.00 horas a entrega de premios.

A zona da Costa Ártabra terá o máximo protagonismo nos trazados realizados para este evento, onde os participantes poderán achegarse á Pena Molexa e á Pena Lopesa, e os montes da Lagoa, cunhas vistas privilexiadas do litoral de Ferrolterra.