Friday 22 de November de 2024

A parroquia de Fruíme celebra esta fin de semana a súa Festa das Cabesas


Este ano inclúe a novidade dunha “Patocarreira” na madrugada do sábado ao domingo

A parroquia de Fruíme celebra esta fin de semana a súa tradicional Romaría das Cabesas, con actividades lúdicas e relixiosas do 16 ao 18 de setembro. Uns festexos que contan coa colaboración do Concello de Lousame.

As festas arrincarán mañá sábado 16 de setembro, ás 13:30 horas, cunha misa na honra á Virxe das Dores coa tradicional procesión. Pola tarde haberá inchables para os máis pequenos, a partir das 18:00 horas. Os grupos La Noche e Santa Compaña encargaranse da verbena nocturna, en cuxo intermedio, a iso das 0:30 horas, terá lugar unha das novidades deste ano: a Patocarreira.

As inscricións na Patocarreira custarán 1 euro e poderán facerse ata media hora antes do inicio da proba. O gañador será o que complete o circuíto no menor tempo, estando prohibido manipular os patiños dos outros participantes. Se o concursante ten un erro no circuíto, terá que volver co seu pato ao inicio da proba ata completala ben.

O día grande, o domingo 17 de setembro, amencerá coas alboradas co grupo de gaitas Trécola. Haberá misas rezadas cada hora de 9:00 a 12:00 horas, tendo lugar ás misas cantadas na honra a Santa María da Cabeza ás 13:00 e 19:00 horas. O Grupo Tania Veiras encargarase da sesión vermouth das 14:00 horas e tamén actuará na verbena nocturna xunto ao grupo Puzzle.

Finalmente, o luns 18 de setembro repetiranse as alboradas das 8:30 horas co grupo de gaitas Trécola, que ás 14:00 horas se encargará da sesión vermouth. Ás 13:00 horas, misa cantada na honra a San Antón, coa tradicional procesión.