Os concellos de Santiago e de Vilagarcía celebraron esta mañá un acto institucional conxunto con motivo do 150 aniversario da posta en marcha da primeira liña ferroviaria galega que uniu Cornes, no barrio de Conxo, con Carril. Durante o acto, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcalde de Vilagarcía, Tania García, inauguraron unha exposición sobre a historia do tren en Galicia e descubriron unha escultura dun cambio de agullas para homenaxear o mundo ferroviario.
A Casa das Asociacións de Cornes, antiga estación do ferrocarril, acolleu esta mañá un acto conmemorativo no que se inaugurou unha exposición sobre a primeira liña de tren Cornes-Carril e se descubriu unha escultura dunha antiga marmita ferroviaria reforxada en homenaxe ao mundo do ferrocarril. Ademais da alcaldesa de Santiago e da tenenta de alcalde de Vilagarcía, ao acto tamén asistiu Carlos Abellán, da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril, os rexedores de Padrón e Valga, membros da Corporación municipal de Santiago e do resto de vilas e representantes das asociacións veciñais e culturais.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, recordou que esta primeira viaxe en tren o 15 de setembro de 1873 “marcou o punto final dun proxecto que por fin vía a luz, o de traer o tren a Compostela, tras máis dunha década de esforzos” grazas á “visión estratéxica das persoas que o impulsaron” e co que se pretendía “traer o mar a Compostela”.
A rexedora referiuse ao cambio de agullas que representa a escultura como un “símbolo de toda esa herdanza que a cultura oral e popular nos legou” e que a través da exposición permitirá á veciñanza achegarse ás “lembranzas traídas da memoria oral das xentes de Conxo” ou a símbolos do mundo ferroviario compostelán como a locomotora “Sarita” o “tren de Varela” ou o Verderón, que operou xa na década de 1930 e que “representa un dos elementos históricos máis importantes daquela época no contexto europeo”.
A alcaldesa agradeceulle á Asociación de Amigos e Amigas do Ferrocarril de Santiago de Compostela “todo o traballo que realizan a prol da historia do tren na nosa cidade”, e ás xentes de Conxo “por manter viva a memoria do noso primeiro tren”. Tamén tivo un recordo para aqueles primeiros promotores: “150 anos despois, temos o deber institucional e político de continuar ata que realmente se acade e Galiza conte co trazado ferroviario, avances técnicos, frecuencias e tipos de tren que realmente precisa.”
Pola súa banda, a primeira tenenta de alcaldesa, Tania García, destacou que o nacemento desta primeira liña, “supuxo para Vilagarcía e Santiago unha unión máis” e mesmo levou a que a praia de Vilagarcía fose renomeada nos anos 30 como “praia de Compostela”, o que “resignificou aínda máis a irmandade que temos entre as dúas vilas”. Para Vilagarcía, “a estación do tren RENFE forma parte fundamental da historia dos últimos anos”, salientou.
Comisariada por Carlos Abellán, a mostra pretende achegar de maneira didáctica a historia do mundo ferroviario galego a través de paneis informativos, fotografías e obxectos icónicos do mundo do tren que ao longo do tempo foi atesourando a Asociación de Amigos e Amigas do Ferrocarril de Santiago. A mostra percorrerá varias vilas e poderá visitarse desde hoxe e ata o 30 de novembro.
Durante o acto tamén se inaugurou un monumento ao ferrocarril en Cornes, unha antiga marmita ferroviaria reforxada que quedou instalada na parte traseira da casa das asociacións de Cornes.
Primeira liña ferroviaria
O 15 de setembro de 1873 tivo lugar a primeira viaxe en tren en Galicia, desde a estación de Cornes ata a de Carril, saíndo ás 12h da mañá e facendo un trazado bastante similar ao actual do rexional. Naquela altura Cornes pertencía ao Concello de Conxo, absorbido por Santiago en 1925, e Carril era Concello propio, posteriormente incorporado a Vilagarcía en 1913.
El tren de Rosalía
Ao programa de actos, sumarase esta tarde a presentación do libro ‘Historia del primer ferrocarril gallego. El tren de Rosalía’, de Tomás Cavanna Benet e coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, co gallo do 150º aniversario da inauguración do ferrocarril Cornes-Carril. A presentación terá lugar ás 19:30 horas na Casa das Asociacións, antiga estación de Cornes, e contará coa presenza da presidenta do Consorcio e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos; e o escritor Suso de Toro, quen asina o prólogo do libro.