― A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, inaugurou o 2º encontro de mulleres organizado pola Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro)
― Lembrou que a Xunta imparte educación afectivo-sexual e de respecto á diversidade en toda a etapa escolar
― Galicia contará cunha nova Lei de igualdade que abordará os retos aos que se enfronta a muller, avanzará na igualdade laboral e loitará contra as discriminacións derivadas das novas formas de traballo
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe na inauguración do encontro de mulleres rurais que por segundo ano organiza a Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro) na residencia de tempo libre de Panxón, onde referendou o compromiso da Xunta de Galicia coa erradicación da violencia sexual contra as mulleres, que debe pasar, segundo dixo, “pola educación e a sensibilización social e a contribución do tecido asociativo”.
O Goberno galego, indicou Vázquez, traballa da man dos centros educativos e do asociacionismo na sensibilización contra todo tipo de violencias e para a construción dunha auténtica cultura da igualdade. “Non escatimamos recursos nin esforzos contra a violencia sexual e traballamos para evitar novos tipos de agresións sexuais como a submisión química ou o ciberacoso”, indicou.
Incidir na prevención das violencias entre a poboación moza “é un firme compromiso da Administración e o único camiño para o cambio cultural que precisa a sociedade”, recordou a secretaria xeral. Neste senso especificou que a Xunta imparte educación afectivo-sexual en toda a etapa escolar, traballa na detección e o tratamento das violencias machistas e na promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero así como na actualización da formación do profesorado en diversidade.
En 2022-2023 a Secretaría Xeral da Igualdade está a desenvolver programas educativos no marco do Plan Proxecta. Tal e como relatou a representante autonómica, “a través de iniciativas de innovación educativa implicamos distintos departamentos da Xunta de Galicia accións encamiñadas a traballar a educación en valores de xeito curricular”.
A secretaria xeral da Igualdade fixo énfase en que Galicia foi pioneira á hora de lexislar a prol da igualdade e tamén na defensa dos dereitos dos colectivos LGTBI, e agora está a traballar nunha nova lei da igualdade que aborda os retos aos que se enfronta a muller, avanza na igualdade laboral e elimina a discriminación nas novas formas de traballo.
“Galicia reforzará o seu compromiso co benestar integral da muller e asumirá o seu apoderamento naqueles eidos da sociedade nos que aínda persisten discriminacións por razón de xénero”, indicou.
Vázquez puxo en valor o papel do asociacionismo feminino como “chave” para que a sociedade avance na cultura da tolerancia e para que poida participar en accións de sensibilización fronte á violencia de xénero. Neste sentido lembrou a colaboración que desde hai anos a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén con Femuro tamén agora no marco do Plan Corresponsables, para impulsar a acreditación profesional da experiencia laboral de mulleres rurais no coidado de menores de ata 16 anos.