Saturday 16 de November de 2024

O Concello activará este sábado a primeira base de BiciCoruña no Barrio das Flores e habilitará unha máis para dar servizo ao CHUAC


Mañá, coincidindo co inicio da nova edición da Semana da Mobilidade, poranse en marcha as dúas estacións situadas na praza dos Freixos e no treito da Lamadosa máis próximo ao centro hospitalario coruñés

O Goberno de Inés Rey ultima a primeira fase do seu plan para expandir BiciCoruña aos barrios, con case medio cento de estacións operativas, máis do doble das existentes hai catro anos

O Concello da Coruña activará este sábado 16 dúas novas bases do servizo municipal de BiciCoruña, situadas na praza dos Freixos (Barrio das Flores) e no treito da avenida da Lamadosa máis próximo ao CHUAC.

Os traballos para a súa posta en marcha, que comezaron a finais de agosto, finalizaron estevenres tras completarse a resolución dos trámites habituais cando se habilita unha nova
estación de BiciCoruña: é o caso da revisión da instalación eléctrica unha vez está conectada á base —necesaria, co obxectivo de evitar posibles sobrecargas—, a instalación do software asociado ao servizo e tamén a autorización final de Industria.

No caso da nova estación da praza dos Freixos, trátase da primeira estación de BiciCoruña que se habilita no Barrio das Flores. Está localizada no illote central de estacionamento próximo ao cruzamento coa rolda Camilo José Cela, moi preto do CEIP María Pita e o Centro de Educación Especial Nosa Señora do Rosario. Dispón de 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

A colocación da base non supuxo, en ningún caso, a perda de ocos para estacionar vehículos, xa que o espazo onde se instalou a base —onde anteriormente podían aparcar catro automóbiles en liña— recuperouse nun lateral da praza, con outras catro novas prazas dispostas en espiga. Ademais, e aproveitando esta intervención, o servizo municipal de Infraestruturas delimitou na praza dos Freixos un novo espazo reservado exclusivamente para o estacionamento de motocicletas.

Por outra banda, tamén mañá, está previsto que se active a nova base de BiciCoruña no treito da avenida da Lamadosa máis próximo ao CHUAC, nas proximidades do cruzamento coa rúa Lugar de Curramontes. Dispón de 19 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos. Neste sentido, o Executivo que dirixe Inés Rey tamén baralla, nun futuro, trasladar esta estación a unha localización máis integrada no propio centro hospitalario coruñés, ao abeiro das obras do Novo CHUAC e co obxectivo de facilitar os desprazamentos das persoas usuarias á contorna do hospital.

Esta nova estación na avenida da Lamadosa súmase á xa existente na contorna da cúpula de Eirís, operativa desde mediados do pasado mes de abril.
Ao igual que todas as bases de BiciCoruña, as estacións da praza dos Freixos e a da contorna do CHUAC estarán dispoñibles desde as 07.00 da mañá ata a 01.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.

Recta final da primeira fase de expansión de BiciCoruña a todos os barrios

O Goberno de Inés Rey encara xa a recta final da primeira fase de expansión aos barrios do servizo municipal de BiciCoruña, que contempla a posta en marcha de 55 estacións. Destas 55, hai 47 xa activas para o uso e disfrute das persoas usuarias —serán 49 desde mañá, contando as do Barrio das Flores e a da contorna do CHUAC—. Son máis do doble das existentes no 2019.

A segunda fase de expansión, ata as 90 estacións

A seguinte meta do Goberno municipal é ampliar esta rede de estacións ata un total de 90 en todos os barrios da Coruña, grazas aos fondos Next Generation acadados polo Concello en abril deste ano, que tamén posibilitarán a adquisición de máis bicicletas eléctricas cun novo contrato de subministración.

Semana Europea da Mobilidade 2023
O Concello da Coruña celebra desde mañá, sábado 16 de setembro, a Semana Europea da Mobilidade con actividades, obradoiros e exposicións ata o venres 22 de setembro. Trátase dunha nova edición da semana temática posta en marcha polo Goberno de Inés Rey de acordo cun novo modelo de cidade, priorizando a mobilidade sostible e o espazo peonil.

As actividades comezarán logo da inauguración da SEM 2023 no Parrote, tras a saída ata o Obelisco en autobús eléctrico amenizada polo grupo tradicional ‘Gaiteiriños’. Continuará coa campaña “Muévete seguro” de Stop Accidentes (11.00-13.00 horas), o circuíto de habilidades da DGT (12.00-14.00 horas) e o paseo de bicis antigas a cargo da Asociación Mobi-liza (12.00-15.00 horas).

Ademais, durante a celebración da Semana Europea da Mobilidade, o Centro Integral de Mobilidade (CIMOB) estará aberto a visitas a partires das 17.00 horas para que as persoas que o desexen poidan coñecer o seu funcionamento. Está coordinado pola Policía Local e o Servizo de Mobilidade do Concello e sitúase na Estación de Autobuses da Coruña. Tamén haberá un posto fixo no Obelisco sobre programa “Ahora vamos andando al cole” de Stop Accidentes, en colaboración co Concello da Coruña, sobre a importancia dos sendeiros escolares seguros.

As actividades continuarán durante toda a semana con exposicións, saídas escolares, obradoiros e actuacións en directo. Máis de 20 actividades en distintos puntos da cidade co Obelisco como centro de información, con 7 carpas temáticas que acollerán obradoiros e mostras de servizos municipais ou asociacións vinculadas á mobilidade. As carpas correspóndense co Servizo de Mobilidade, Policía Local, Medio Ambiente, Compañía de Tranvías da Coruña, BiciCoruña, Control semafórico da mobilidade e unha carpa multiusos, na que se localizarán diversas asociacións.