Friday 22 de November de 2024

Xunta e concello estrean as novas instalacións da Escola Infantil Pública de Muxía


— Iniciase o novo curso tras rematar o traslado do centro ao seu novo emprazamento no edificio de usos múltiples de titularidade municipal

— O Goberno galego destinou 31.000 euros para equipar as novas dependencias, que permitirán un mellora notable das condicións nas que se desenvolve o servizo

— As características do novo centro fan posible que a Administración autonómica oferte para este curso o servizo de comedor

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde de Muxía, Santiago Toba, visitou hoxe as novas dependencias da escola infantil do municipio, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia. O curso neste centro iniciouse esta semana tras completar o traslado ao novo emprazamento no edificio de usos múltiples de titularidade municipal.

Perfecto Rodríguez destacou que as novas instalacións permiten unha mellora notable das condicións nas que se desenvolve a actividade da escola, posto que teñen máis espazo, son máis accesibles e están mellor adaptadas ao servizo que as anteriores. As características do novo centro fan posible que a Xunta oferte para este curso o servizo de comedor para as familias que o desexen. Este novo servizo entrará en funcionamento a partir do vindeiro mes de outubro.

O concello foi o encargado das obras de acondicionamento do inmoble e o Consorcio destinou 31.000 euros ao seu equipamento. Ademais, esta actuación completarase con melloras na zona exterior, das que tamén se ocupará a Administración local.

Un total de 18 nenos iniciaron o curso na escola infantil de Muxía. As familias, ao igual que aconteceu o ano pasado, non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que o Goberno galego mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da comunidade autónoma para o 100% do alumnado.