Friday 22 de November de 2024

A United States Lighthouse Society visitará o Faro Vilán o 26 de setembro


· A entidade, creada no ano 1984, é considerada como a asociación de amigos dos faros máis grande e coñecida dos Estados Unidos e conta con preto de tres mil socios.

· Neste caso serán 23 persoas as que farán un percorrido polos faros da costa Cantábrica, que comezarán en San Sebastián e rematarán en Fisterra, previo paso por Camariñas.

· Sandra Insua e a presidenta da Asociación de Empresarios e Sector Turístico, Olga Campos, recibirán á expedición.

O Faro Vilán recibirá unha visita moi especial o próximo venres, 26 de setembro. Ata alí achegarase a United States Lighthouse Society, a asociación de amigos dos faros considerada como a máis grande e coñecida dos Estados Unidos.

A visita a Camariñas enmárcase dentro dun percorrido, organizado pola asociación estadounidense, polos faros da costa Cantábrica no que participan 23 socios e socias e que comezará mañá, sábado 16 de setembro, en San Sebastián e rematará en Fisterra o 26 de setembro. Dentro do seu itinerario de viaxe teñen previsto visitar 37 faros e subir a 10 das súas torres, incluíndo a Torre de Hércules na Coruña.

O programa da visita ao faro Vilán comezará ás 10 horas, coa chegada da expedición, que, dividida en dous grupos, subirá á torre e, na sala de exposicións, poderá desfrutar dunha presentación sobre o faro, a historia do HMS Serpent e o Cemiterio dos Ingleses e tamén dunha visita ao museo.

Ao rematar, antes da súa partida cara Fisterra, haberá un acto de recepción oficial no que participarán alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a presidenta da Asociación de Empresarios e Sector Turístico de Camariñas, Olga Campos. Tamén estará presenente o organizador desta viaxe e vicepresidente da asociación, Henry I. González, nacido en Cuba e con familia de fareiros en Guipúzcoa.

A asociación

A United States Lighthouse Society é a asociación de amigos dos faros máis grande e coñecida dos EEUU. É unha asociación sen finalidade de lucro creada en 1984, con preto de tres mil socios, a gran maioría nos Estados Unidos.

Os obxectivos da organización son a formación dos socios, e do público en xeral, así como da importancia histórica dos faros e os fareiros e tamén a colaboración na conservación destas edificacións históricas. Unha das súas actividades periódicas son as viaxes por EEUU e o resto do mundo visitando faros e aprendendo dos retos que teñen nos distintos lugares, ofrecendo axuda e coñecemento sobre conservación ás entidades e persoas encargadas.