Friday 22 de November de 2024

Igrexafeita celebra esta fin de semana o Biscordel… ou é Viscordel?


«El día 15 del actual darán comienzo en esta parroquia los tradicionales festejos que en honor a la virgen del Viscordel vienen celebrándose desde tiempo inmemorial. Es grande la animación que reina entre el vecindario de esta parroquia, sobresaliendo los entusiastas jóvenes Manuel García Novo, Aquilino Casal, Manuel Salgado y José Yáñez, funcionistas de la fiesta, que secundan la iniciativa del virtuoso párroco D. Daniel Iglesias Gradaílle, propulsor principal de la fiesta. Día 14.- Se anunciarán las vísperas con una salva de bombas de palenque y recorrerán la parroquia varias gaitas del país. Día 15.- A las doce será la misa cantada con sermón que predicará un elocuente orador sagrado. Una brillante orquesta de capilla tomará parte en la función. Por la tarde, baile campestre en el espacioso atrio, y por la noche se quemarán varias figuras, con verbena a la veneciana, y el 16, si el tiempo lo permite, se repetirán las fiestas del día anterior. El Corresponsal.»

O xornal El Correo Gallego anunciaba desta maneira as festas do Biscordel de Igrexafeita na súa edición do día 13 de setembro de 1918. Un ano fatídico no que a Gripe Española levou 10 persoas da parroquia e 135 en todo San Sadurniño sen que por iso se resentise a gana de troula, agás nas casas de loito por razóns obvias.

Máis dun século despois daquel Biscordel as datas da festa case coinciden e incluso a redacción da información podería ser a mesma, mudando só o nome dos “funcionistas”, tal e como denomina o correspondente informativo á comisión ou grupo de ramistas, que aquí aínda se coñecen como “funcionarios/as” pola responsabilidade e autoridade coa que asumen a organización dos fastos.

Na actualización noticiosa tamén habería que cambiar o emprazamento, que pasou do adro e a antiga estrada das Pontes -entre as tabernas de Soto e Tarrío e o cuartel da Garda Civil- para o campo situado ao pé do local social da Torre, antiga casa reitoral.

E, por último, nos tempos da iluminación led xa non habería “verbena a la veneciana”, que naquela época sen electricidade era como se coñecían as sesións nocturnas iluminadas por guirnaldas de cores acesas con gas acetileno… mellor dito, co comunmente chamado “carburo” que moitas e moitos dos nosos maiores aínda recordan como combustible de candís e algunha xente non tan vella como detonante dos espantallos acústicos para o porco bravo.

Polo demais, o esquema mantense invariable e volverá repetirse esta fin de semana case coma un calco, máis moderno pero idéntico na sucesión de acontecementos e momentos principais.

Así, hoxe venres -igual que na nova de El Correo Gallego- seguramente se boten “fueghos” das vésperas anunciando a festexada, que comezará o sábado de mañá cos estalos das alboradas e o tradicional percorrido dun grupo de gaitas (no cartel non vén, pero foi sempre así nos últimos anos e é de supoñer que neste 2023 non vai ser menos). O cuarteto terá que bulir para andar toda a parroquia e estar ás 13:30h na porta da igrexa para acompañar a procesión previa á sesión vermú, que estará animada pola orquestra Miramar. Esta formación repetirá pola noite na compaña do trío Antha.

O domingo 16 volverá haber misa e procesión ás 13:30h. Ao seu remate, igual que o sábado, botaranse suficientes “bombas de palenque” para que retumbe toda a contorna, algo que antano -e aínda hoxe- se interpretaba como sinal do éxito da festa, do poderío da parroquia e da valía do fogueteiro, sen contar que canto máis potente sexa a traca de fogos e morteiros, maior fachenda ante as parroquias darredor e maior prestixio para o fogueteiro ante a veciñanza e as pirotecnias da competencia.

O estrépito daralle paso á música do grupo Origen, nunha nova sesión vermú que se alongará durante a tarde (os callos can wait), seguindo a moda das festas de domingo que optan por estirar o mediodía e obviar a verbena. Unha decisión lóxica no caso do Biscordel, que nos últimos anos contaba con escaso público na noite do segundo día.

Por certo… cal será o motivo de que os xornais de principios do século XX puxesen “Viscordel” e que agora os carteis anunciadores escriban “Biscordel”? E, outra cuestión… que significa B/Viscordel?. Investigaremos e tentaremos desvelalo na noticia previa á festa do ano que vén, para a que xa hai proclamada comisión organizadora desde 2022.