Friday 22 de November de 2024

A Escola Infantil Municipal Os Pelegríns de Neda comeza o curso con 21 alumnos e alumnas e a matrícula aberta


O servizo, dirixido a familias con fillos/as de 0 a 3 anos, é gratuíto

A Escola Infantil Municipal Os Pelegríns de Neda completará nuns días o periodo de adaptación dos seus pequenos e pequenas alumnas, iniciando así o horario habitual do centro, de 8:00 a 16:00 horas. Un total de 21 nenos e nenas de entre 1 e 3 anos comezaban as clases co inicio do mes, e esta semana, o alcalde, Ángel Alvariño, mantiña unha xuntanza de traballo coa directora do centro na que tamén participaron os concelleiros de Educación, Ángeles Puentes; Cultura, Marián Bello; Mocidade, Javier Novo, e Obras, Ángel Cordero. Lembraron na mesma que este servizo de conciliación é gratuíto, e acordaron intensificar a posta en marcha de proxectos e actividades en común. A primeira, a finais de mes, será unha actividade cultural dirixida especialmente a bebés e nenos/as de ata 3 anos. Tamén cuestións do día a día, como reforzar os traballos de mantemento nas zonas verdes, ou a ampliación da área de xogos exterior coa incorporación de novos elementos.

A Escola Infantil Municipal mantén a matrícula aberta durante todo o ano, ata cubrir as 40 prazas ofertadas, e de feito, nas vindeiras semanas prevese xa unha nova incorporación. Está situada na zona do Empedrón, nas inmediacións do paseo marítimo, e constitúe un servizo de conciliación clave para as familias traballadoras con fillos/as de 0 a 3 anos. Ofrece xornada completa e media xornada, así como servizo de comedor con cociña propia e menús saudables deseñados por un equipo de nutricionistas.

A programación didáctica prima as actividades manipulativas e lúdicas, a experimentación e o xogo, e tamén as actividades ao exterior, ao contar con zonas verdes no recinto.