O paso peonil actual pasará a estar en elevación. Ademais, aproveitarase a intervención para crear un pequeno itinerario ciclista que abrirá camiño ao novo treito de carril bici entre a rolda de Nelle e a Sardiñeira
Esta actuación dá continuidade ao plan de expansión da Rolda Peonil promovido polo Goberno de Inés Rey, que prevé conectar o parque de San Diego, nos Castros, co futuro parque do Observatorio, na Agra
O Concello da Coruña comezou este mércores as obras para mellorar a accesibilidade no cruzamento da avenida de Arteixo coas rúas Ramón Cabanillas e Sagrada Familia.
Neste enclave está prevista a remodelación do paso peonil actual, que pasará a estar en elevación, unha actuación que incluirá a ampliación das zonas de paso, a inclusión de novas zonas verdes e a renovación do mobiliario urbano. Ademais, actuarase sobre as beirarrúas, que se farán máis amplas en ambas as marxes, coa finalidade de gañar en accesibilidade e reforzar a seguridade das persoas con mobilidade reducida.
A adaptación das beirarrúas en termos de mobilidade universal forma parte da aposta do Goberno de Inés Rey no seu plan para reurbanizar os espazos públicos nos barrios da Coruña. Por iso, nas beirarrúas lindeiras á intersección ampliaranse as zonas de pavimento con baldosa podotáctil, en relevo, co obxectivo de facilitar a orientación das persoas invidentes.
De inicio, este mércores procedeuse á sinalización das zonas de intervención, e será mañá, xoves, cando comezarán os primeiros traballos de demolición e picado no pavimento.
Abrindo camiño ao novo treito de carril-bici entre a rolda de Nelle e a Sardiñeira
En paralelo, sobre a propia beirarrúa e tamén no paso peonil remodelado, aproveitarase para executar as adaptacións iniciais previas á construción do novo treito de carril-bici que conectará a rolda de Nelle coa contorna da Sardiñeira. Desta forma, e unha vez que se completen os traballos no cruzamento da avenida de Arteixo coas rúas Ramón Cabanillas e Sagrada Familia, xa será visible un pequeno itinerario de uso exclusivo para bicicletas, en ambos os sentidos da avenida, cun novo carril de 1,5 metros de anchura que abrirá camiño á conexión definitiva do novo treito de carril-bici entre a rolda de Nelle e a Sardiñeira.
Está previsto que o Concello leve a cabo un investimento de máis de 180.000 euros na intervención no cruzamento da avenida de Arteixo coas rúas Ramón Cabanillas e Sagrada Familia, que conta cun prazo de execución de tres meses.
Un paso máis no plan de expansión da Rolda Peonil
Esta intervención dá continuidade ao plan de expansión da Rolda Peonil proxectada poloGoberno de Inés Rey e que está a ser promovida desde o pasado mandato. O obxectivo desta iniciativa é crear unha gran vía, con prioridade de circulación eminentemente peonil, que conecte o parque de San Diego, nos Castros, co futuro parque do Observatorio, no barrio da Agra do Orzán.
Para concretar este proxecto, nos últimos catro anos acometeuse a peonalización total ou parcial das rúas Alcalde Marchesi, Puga y Parga e Mariscal Pardo de Cela (Catro Camiños), Oidor Gregorio Tovar e Ramón Cabanillas (Os Mallos), coa previsión de ampliar o percorrido da Rolda Peonil nun treito da rúa Sagrada Familia, no que sería o paso previo á intervención na Agra.