Saturday 16 de November de 2024

800 nenos de Riveira participaron no Auditorio nunha sesión de contacontos para reivindicar os dereitos da infancia


A actividade estivo promovida pola fundación Faibén

Uns 800 nenos de Educación Infantil e Primeria de distintos centros educativos do municipio de Riveira participaron ao longo desta mañá nunha xornada de contacontos que serviu para reivindicar os dereitos da Infancia.

A iniciativa estivo promovida pola fundación Faibén coa colaboración do Concello. Consistiu nunha obra de monicreques de carácter pedagóxico (En la boca del lobo ) desenvolvida pola compañía Los Titiriteros de Binefar, que foi distinguida co Premio Nacional de Teatro

En total se celebraron tres funcións para cubrir a intensa demanda de espectadores, celebradas ás 9.30, 10.45 e 12 horas. Os centros participantes son o colexio plurilingüe de Frións, Bayón, Galaxia, O Grupo, Sagrado Corazón de Castiñeiras e A Milagrosa de Oleiros.

A fundación Faibén é unha entidade sen ánimo de lucro que dende hai máis de tres décadas traballa pola integración social dos nenos e nenas desprotexidos. Para tal fin, ten entre outras unha casa de familia na nosa cidade dende a que prestar apoio e axuda a nenos en situación de desamparo.