O Concello abriu o prazo de inscrición na actividade “Saúde en movemento”, impulsada dende a Concellería de Sanidade, que dirixe o edil Manuel Ramos. Trátase dunha convocatoria, tal e como explicou, dirixida a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e que padecen algunha enfermidade crónica.
“Nas sesións deste programa as persoas participantes realizarán unha serie de exercicios adaptados á súa doenza para levar mellor a enfermidade e, ao mesmo tempo, dispoñer dunha proposta na que poder interactuar e relacionarse con outra xente nunha situación similar, con doenzas crónicas, traballando tamén a xestión emocional”, explicou Ramos.
En total ofértanse 32 prazas, que se repartirán en tres grupos, e as sesións impartiranse en instalacións municipais dende o vindeiro mes de outubro ata decembro deste ano. Os horarios serán los luns e mércores de 10.30 a 12.00 horas; os martes e xoves de 12.00 a 13.30 ou, na terceira opción, os martes e xoves de 16.30 a 18.00 horas nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. As prazas concederanse por rigorosa orde de inscrición e terán preferencia as persoas que non participaron en convocatorias anteriores.
As inscricións son de balde e poden tramitarse ata o día 29 deste mes –ás 13.30 horas- a través do Rexistro municipal ou calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica do Concello de Narón.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1115/1108/1109).