Friday 22 de November de 2024

Os socialistas solicitan a convocatoria dunha sesión extraordinaria de INCOLSA para analizar o recorte anunciado das rutas internacionais do aeroporto


Sindo Guinarte recorda que “nestas mesmas datas, no 2022 anunciabamos un incremento de sete conexións directas ao estranxeiro respecto o inverno de 2021”

Insiste na relevancia dun turismo de destinos emisores afastados “de calidade” polo “importante impacto económico”

Ante as informacións que sinalan a retirada de máis da metade das rutas directas internacionais que operaban no aeroporto de Rosalía de Castro por parte de Ryanair, o Grupo Municipal Socialista vén de solicitar que se convoque unha sesión extraordinaria do Consello de Administración de INCOLSA, a empresa municipal de turismo do Concello de Santiago. Como explica o concelleiro socialista, Sindo Guinarte, esta nova “contrasta coa que tiñamos o pasado ano, cando Ryanair precisamente anunciaba o incremento de sete conexións co estranxeiro”.

Guinarte recalca que, con este recorte dáse “un paso atrás na política de desestacionalización do turismo que puxemos en marcha no pasado mandato” pasando neste inverno “de máis de 15 a apenas seis conexións internacionais”. O edil socialista insta á alcaldesa a convocar unha sesión extraordinaria do organismo de turismo para analizar estas informacións que cualifica de “moi preocupantes”: “teremos que analizar a situación e ver en que medida, desde o Concello, se pode traballar para evitar que isto se consume”.

“Estamos falando de destinos emisores afastados que aportan un turismo de calidade á nosa cidade” explica o que fora o concelleiro responsable desta materia no pasado mandato. Guinarte insiste no “importante impacto” que podería supor que este recorte se confirme pola “perda de forza e de presenza do noso aeroporto que precisamente foi un dos que, logo da pandemia, se recuperou con máis forza de todo o Sistema Aeroportuario Español”.