Santiago súmase á Semana Europea da Mobilidade, cunha ampla axenda de actividades que tratarán de concienciar á cidadanía da necesidade de fomentar os modos brandos de transporte. Cadrando con este evento, o Goberno convocará a reunión do Pacto Local pola Mobilidade, o venres 22 de setembro.
O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, presentou hoxe as actividades que se van celebrar no marco da Semana Europea da Mobilidade, entre os días 16 e 23 de setembro. Foi nunha rolda de prensa na que tamén participaron o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera; o presidente de Composcleta, Faustino Gómez; e o responsable da área de accesibilidade de Cogami, Álvaro García.
A bicicleta, protagonista da Semana Europea da Mobilidade
Este ano, a Comisión Europea decidiu centrar a Semana Europea da Mobilidade na temática da eficiencia enerxética, poñendo o foco na mobilidade sostible e os modos brandos de transporte para recortar os custos da mobilidade e o consumo enerxético, e para loitar contra a crise climática. Nesa liña, Xan Duro incidiu na aposta do Concello de Santiago “por reducir a utilización do vehículo privado, substituíndoo por desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte urbano, na liña do acordado no Pacto Local pola Mobilidade”.
Por iso, a bicicleta volverá ser protagonista da Semana Europea da Mobilidade, que comezará coa inauguración dunha exposición de bicicletas antigas propiedade de Eusebio Rivero. Será o sábado 16, a partir das 13.00 horas, na estación intermodal. A mostra, que estará aberta ata o día 23, reunirá algúns dos vehículos máis vistosos do coleccionista pontevedrés, que posúe 40 bicis anteriores a 1940, moitas delas restauradas polo propio Eusebio Rivero, que é o vicepresidente da Asociación Nacional de Bicicletas Antiguas y Clásicas. Entre os exemplares que se poderán ver na intermodal están dúas bicicletas Honor, a marca dos anos 30 do compostelán Honorino Méndez.
O domingo 17 celebrarase o Día da Bicicleta, con moitas actividades en colaboración coa asociación Composcleta. O seu presidente, Faustino Gómez, lembrou que “o obxectivo é recordar que o medio de transporte máis eficiente que existe tén máis de 150 anos de historia, e non é outro que a bicicleta, que nos permite movernos pola cidade con maior facilidade e mesmo con maior rapidez que calquera outro, incluído o vehículo privado”. Ademais, apostou por traballar para “recuperar o espazo público para a cidadanía, porque na actualidade máis do 60% está dedicado aos coches, e é preciso revertir esas porcentaxes tal e como se está intentando facer en toda Europa”.
O Día da Bicicleta comezará ás 10 da mañá na Alameda. Ao longo de toda a xornada, haberá xogos, ximcanas para nenos, puntos de información sobre mobilidade sostible, postos de demostración de bicicletas, contacontos e mesmo unha batukada polas rúas para reivindicar a recuperación do espazo público para a veciñanza. Ademais, celebrarase a xa tradicional pedalada pola cidade, con saída desde Alameda ás 12.30 da mañá e cun percorrido circular cunha duración estimada dunha hora. Haberá tamén un percorrido máis curto, pensado para as crianzas. Ao seu remate, sortearase unha bicicleta entre os participantes, que se poderán inscribir ata as 10.00 horas do propio domingo neste formulario, e a partir desa hora na carpa que estará instalada na Alameda.
Por unha mobilidade sen barreiras
O mércores 20 será o Día da Accesibilidade na Semana Europea da Mobilidade, grazas á colaboración con Cogami. Xan Duro salientou a intención do Goberno de aproveitar esta semana para reivindicar o dereito á mobilidade de toda a veciñanza, un dereito que non se cumpre no caso das persoas con discapacidades que se seguen enfrontando a diario a barreiras físicas e sensoriais que poden ser insalvables”.
O responsable da área de Accesibilidade de Cogami, Álvaro García, deu conta das actividades desa xornada, que comezarán ás 11.00 horas cun roteiro en cadeira de rodas desde a praza de Galicia ata a praza de Mazarelos. Diferentes representantes políticos e sociais de Santiago “poderán experimentar en primeira persoa as dificultades diarias ás que se enfrontan persoas con mobilidade reducida para transitar por Compostela, nunha actividade que tamén se intentará levar aos colexios de Santiago para concienciar aos máis novos”.
Tamén o mércores 20, a partir das 19.30, está prevista unha charla sobre “Mobilidade descarbonizada en Santiago”, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia no salón da súa sede na Praza da Quintana. A conferencia correrá a cargo de Pau Noy, presidente da Fundación Mobilidade Sostible e Segura de Barcelona.
Pacto pola Mobilidade
Outra das citas importantes da Semana Europea da Mobilidade será o venres 22. Ese día, a partir das 19.00 horas, o Goberno convocará unha xuntanza do Pacto Local de Mobilidade no centro sociocultural do Ensanche. O concelleiro de Mobilidade explicou que ese foro “creado en 2017 e que non se reuniu durante o pasado mandato, é o lugar acaído para poñer en común cos axentes sociais cuestións relevantes vinculadas coa mobilidade, que é un dos principais retos que tén por diante Santiago”. Xan Duro sinalou que nesa reunión “darase conta do estado no que se atopan os traballos para a aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, e falarase das tarefas pendentes para termos a cidade inclusiva e accesible que queremos”.
As actividades da Semana Europea da Mobilidade finalizarán o sábado 23, unha performance a cargo da escola e compañía de teatro Pábulo. A acción, que leva por nome “Ás túas anchas”, desenvolveráse no transporte urbano e na zona histórica, en lugares e horarios que non se van anunciar previamente porque un dos obxectivos é “sorprender á veciñanza con intervencións que van reivindicar tanto a recuperación dos espazos públicos para os peóns como a socialización no transporte público”.